Gobernadores lixeiros
12 de Marzo , 2020Catro, ben. Pero e se falan cos outros tres e fan sete?
Pasa por ser a maior falcatruada do entroido lucense, aínda que para esas medicións sempre hai distintos baremos.
A vantaxe do caso é que coñecemos o nome dos seus protagonistas, José López Lemos e José Vergne Rodríguez, de coñecidas familias da capital, como diría o cronista social.
Estes dous Pepes adquiren unha caixa de bombóns un día que hai baile no Círculo das Artes, e logo pasan por unha farmacia para facerlles certo retoque aos chocolates.
Pola noite, cando a xunta directiva da sociedade preside o baile na compaña do gobernador civil, especialmente convidado á velada, Pepe e Pepe, protexidos por cadansúas máscaras, pasan por diante das autoridades ofrecéndolles os doces.
Todos collen un daqueles bombóns-licor, e aos poucos minutos todos saen choutados con dirección aos servizos, apremados por unha intensa necesidade de utilizalos, xa que o líquido dos chocolates foi substituído por un forte laxante, recomendado polo farmacéutico.
De o faceren hoxe, entran na cadea.
0
O número 5 marca os límites da perigosidade á hora de respectar o dereito de xuntanza. Rusia, India, Dinamarca, Iugoeslavia ou España decretaron algunha vez a prohibición de estar xuntas máis de cinco persoas. Nin catro, nin seis, sempre cinco.
Así fai un dos primeiros gobernadores galegos da II República, pero o home pon tanto entusiasmo gubernativo en manter a orde pública, que o seu decreto máis semella unha declaración de guerra:
“Quedan prohibidos os grupos de máis de cinco persoas. A forza pública, tras unha primeira intimidación, procederá a disolvelos por medio das armas, e se aínda así se resistisen a disolverse, procederá ás vías de feito.”
Ninguén dubida que as vías de feito consisten nun par de labazadas.











