Archivo de Agosto, 2013

Tjipetir Mystery

Sábado, 31 de Agosto, 2013

Louise Mamet co seu Tjipetir

De contado, nada máis chegar á casa, sen mudar o bañador, nin limpar as areas dos pés, Castro bótase enriba do Google, mentres borboriña ideas inconexas:

_Quedou sen publicar a última parte da historia de Domingo Ortega e Lorca… O de Siria vai camiño de ser serio… Tjipetir pode ser o nome dun barco.

Xa cando aparece o bloque nas rochas, a xente que vén canda nós, Teté Latas, Ana Zabala e Carlos Gallo, estaba de acordo en que Tjipetir ben podía dar nome a unha embarcación e mesmo o propio Castro suxire que se cadra era XÚPITER na fonética/grafía dalgunha lingua que el descoñecía, que algunha queda.

_Pode selo nunha lingua eslava ou asiática _especula o home.

Nada máis facer a consulta no buscador aparecen ante os nosos ollos centos de referencias, aínda que nin unha soa en castelán. A navegación foi esclarecedora e aos dez minutos xa tiñamos unha información exacta e completa do que viñamos de atopar. Medio cento de persoas tiveran un encontro semellante en praias de Inglaterra, Francia, Holanda e Alemania. Iso si, o noso era o primeiro de España. Xuntas tratan de chegar ao fondo do misterio e levan camiño de conseguilo. O único que ninguén sabe aínda é de onde veñen eses enigmáticos bloques flotantes co nome Tjipetir acuñado nunha das súas facianas.

Para averigualo, Louise Mamet e outros crean o proxecto Tjipetir Mystery, que conta cunha páxina Facebook onde xuntan información dos novos descubrimentos, establecen teorías, e coordinan as reportaxes e documentais que se realizan sobre o caso. Postos en comunicación con eles, fomos recibidos no grupo con gran ledicia por ser o primeiro bloque español e porque un destacado oceanógrafo inglés comenta que o achádego de Lugo “é moi significativo para a investigación”.

O achádego Tjipetir

Viernes, 30 de Agosto, 2013


Os outros Tjipetir

A hora preferida do Doutor Castro para bañarse no mar son as oito. Mesmo ás nove é un bo momento para facelo nos meses de verán. Hai cinco días fun canda el e a miña muller para mergullarnos pola tardiña nás cálidas augas do Cantábrico. E digo cálidas sen dobre intención, porque realmente creo que a auga está escandalosamente quente.

Para entrar no areal de Lieiro, en San Cibrao _ a Castro e a min gústanos máis dicir San Ciprián _, hai que salvar unhas rochas que con marea chea dificultan o acceso, unha circunstancia que non hai diñeiro no mundo para pagala.

Ao pasar por elas, reparamos nunha táboa que o mar trouxera como tantas outras cousas que van parar alí. O estraño daquel obxecto era a perfección das súas liñas, rectas e afiadas coma se viñera directamente dunha fábrica semellante á que hai ao seu carón, e non dunha viaxe por mar, batendo contra as rochas e servindo de hábitat a pequenos moluscos que toman estes pecios coma o chan da súa vivenda.

_Collémola despois _ di Castro, que non perdoa o baño nin cando moquea.

Pero despois de saír da auga, a marea subira, ou esquecímola, ou non sei que; pero o caso é que marchamos sen aquela misteriosa prancha.

_Madeira non é. Non podería estar tan ben acabada petando por aí, pero é flotante, sen dúbida. Mirarei os meus apuntamentos.

Onte voltamos e alí estaba de novo, como pedindo ser recollida, xa que non o fora na ocasión anterior. Nada máis vela, Castro lembra a lenda das pedras do monte Pindo que teñen un ritual de envorco. E en efecto, ao lle dar a volta, alí estaba a sorpresa. Na metade da táboa aparece un nome perfectamente acuñado: TJIPETIR.

_Que intesante! _ di Castro_; se cadra pertenceu a un barco naufragado. Imos levala e daquela temos materia para investigar esta noite.

O número 13

Jueves, 29 de Agosto, 2013

Sánchez Mejías chora ao seu cuñado Joselito

Ortega convalece no Hospital Santa María de Lugo das súas feridas. Non poderá asistir aos funerais do seu irmán Matías, nin moito menos, cumprir o compromiso de tourear na praza de Manzanares o inmediato 11 de agosto. Domingo González Mateos, Dominguín, o seu apoderado, pensa que a mellor solución para os seus intereses e para os dos afeccionados manchegos de Manzanares é solicitar ao seu outro toureiro de campaíñas, Ignacio Sánchez Mejías, que acceda a substituílo.

O matador sevillano reincorporouse á actividade taurina esa mesma tempada, logo dun período afastado dos cosos no que foi, por exemplo, presidente do Real Betis Balompié, o club de fútbol da capital andaluza. O caso é que Ignacio non recibe con ledicia a encomenda. Está en Huesca a piques de participar noutra corrida e di a Dominguín que non irá a Manzanares. Pero participa no festexo e muda de opinión. Accede a repelo ante a proposta, porque Dominguín é o seu apoderado e Ortega, o seu amigo.

Ignacio chega ao parador de Manzanares e alí instálano no cuarto número 13 que xa estaba reservado para o ferido. Comentará que non lle gusta o número, pois aínda que é home cultivado e lido, tamén é toureiro, e moitos deles, quérase ou non, viven presos das supersticións.

Xa noutras ocasións caera na conta de que as letras dos seus apelidos suman trece, y se cadra, cando deixa á súa familia polo amor de La Argentinita, tamén repara que o nome da artista leva o mesmo número de letras, como o de Domingo Ortega.

Ignacio nunca deixou o seu matrimonio con Lola Gómez Ortega, irmá do seu amigo Joselito, pero agora mesmo vive outra relación coa xornalista francesa Marcelle Auclair, que escribirá as biografías de dous españois, a de santa Teresa de Xesús e precisamente, a de Federico García Lorca.

A curva da Retorta

Miércoles, 28 de Agosto, 2013

De Vega Barrera, con Dámaso Berenguer na inauguración do Hospital Santa María

Regresamos á praza coruñesa. Cando remata a corrida, os toureiros coñecen o acontecido co espectador. Belmonte intúe problemas coa Xustiza e a Domingo agárdao unha nova máis desagradable aínda. Comunícanlle que vén de morrer en Madrid o seu irmán Matías López Ortega, de 23 anos. Van dous mortos e dous feridos.

Como non tiñan previsto o regreso ata o día seguinte, o matador solicita entre as súas amizades galegas un automóbil para saír axiña que teñan feitos os vultos. De contado se lle ofrece coche e chófer. Con Domingo irán o seu cuñado Paco Caballero, comandante de Cabalaría; Domingo González “Dominguín”, pai de Luis Miguel e apoderado de Ortega e mais de Ignacio, e o banderilleiro Salvador García.

Cando o vehículo cruza ás présas a provincia de Lugo, sendo xa de mañanciña, perde a dirección e sae fóra da curva da Retorta, un treito de moita sona na antiga estrada nacional, entre Baralla e Becerreá, a curva da curva. A prensa española fala do accidente, pero ningunha cabeceira atina a escribir ben os tres topónimos, bastante sinxelos por outra parte. Daquela os lectores coñecen tres novos lugares de Lugo, Retorte, Borella e Bocerca.

Caballero resulta con gravísimas feridas que lle causan a morte as dez da mañá do día 7. Domingo Ortega e Salvador García non poden seguir viaxe e son ingresados no Hospital Santa María de Lugo, que xa leva catro anos aberto, despois dun longo proceso construtivo que ocupa toda a década dos vinte. Van tres mortos e catro feridos.

O cadro médico do hospital lucense, dirixido por Rafael de Vega Barrera, estaba formado tamén por Luis Vázquez Fernández Pimentel, Luis García Acebal, Marcelino de la Fuente Cela, José Lomas Díaz, Jesús Latas Folgueira, Leopoldo Gasalla e Ricardo López Pardo.

Nace o verduguillo

Martes, 27 de Agosto, 2013

Fortuna entra a matar na Gran Vía

A morte de Roig Roura leva a incoar un sumario no que se acusa a Juan Belmonte de homicidio por imprudencia. Naturalmente, a causa queda sobresida o mes de outubro daquel mesmo ano de 1934, entroutras razóns, porque o causante inmediato da morte do concelleiro non foi o matador, senón o touro.

O accidente aconsella tamén que o Goberno modifique o regulamento taurino, prohibíndose a partir desa data que se utilice o estoque de matar para o descabelo. A tal fin, o propio 17 de agosto as autoridades convocan un concurso de ideas para solucionar o problema. No prazo sinalado preséntanse ata 46 modelos de estoques, dos que 38 son rexeitados nunha primeira selección.

Os oitos restantes pasan a unha proba final que se desevolve no matadeiro de Madrid o 27 de novembro. Os encargados de escoller o modelo máis axeitado son os matadores Fortuna e Pepe Bienvenida, así como os novilleiros Finito de Valladolid, Chavito e Jesús Santiago.

Desde o ano 1928, Fortuna, alcume do vasco Diego Mazquiarán Torrontegui, foi coñecido tamén como o Toureiro da Gran Vía, porque nesa rúa madrileña, cun estoque improvisado e un abrigo, mata un touro que foxe do rastro. Fortuna recibe anos antes a alternativa tendo como testemuña ao toureiro lucense de Láncara, Alfonso Cela, Celita.

O vasco e os seus compañeiros coinciden en que o modelo presentado por Vicente Pastor, ex matador de touros, é o que mellor resposta ás necesidades do descabelo sen riscos. O elixido segue hoxe vixente co nome alternativo de verduguillo. Desde entón non se rexistra ningún accidente similar ao da Coruña.

Mañá regresaremos ao que acontece cando remata a corrida.

Touro mata espectador

Lunes, 26 de Agosto, 2013

O estoque

O estoque de Belmonte, impulsado polo movemento do touro, colle altura e dá voltas ata o asento que ocupa Cándido Roig Roura, concelleiro noiés, seis filas máis aló da barreira, coa mala fortuna para o espectador de que lle entra polo tórax, atravesándolle o pulmón dereito. Como recollerá horas máis tarde o parte médico de Marineda, “mortal de necesidade”.

Pero aínda ferido desa gravidade, Roig é quen de arrancar a arma do seu corpo e malia a súa desesperación pola dor, guindala de novo o máis lonxe que pode. Puido pouco, pero o suficiente como para que aquel estoque sedento de sangue ferise a unha segunda persoa, que resulta ser o colaborador de El Ideal Gallego, Carlos García Puebla, sentado preto do home.

Os sanitarios chegan onde están os espectadores feridos e os trasladan ata a Enfermaría da praza. Cándido Roig morre alí ao pouco de chegar. Aquela tarde, o parte médico recolle o que nunca outro antes fixera: un espectador morto por estoque; outro, ferido pola mesma arma; Juan Belmonte, El Pasmo de Triana, asistido dunha distensión ligamentosa no pulso dereito e Francisco Pereiro, mozo da praza, dunha ferida na coxa esquerda, de prognóstico reservado.

Curiosamente a prensa nacional destaca na información do día seguinte as faenas dos respectivos matadores e case todos os xornais informan do accidente de Cándido Roig como unha información á marxe. Só o correspodente en España do New York Times soubo expresar no titular toda a esencia xornalística que tiña o acontecido: “Touro mata a espectador con estoque”. Tamén The Daily News destaca a corrida coruñesa por onde había que facelo, se atendemos aos principios de que unha nova é unha novidade, e canto más novidade sexa, máis nova será.

O 6 de agosto de 1934

Domingo, 25 de Agosto, 2013


O escenario

Voulle contar unha tráxica historia da que seguramente ten escoitado falar por cachos, pero nunca deseguido _ anuncia Castro.

_Sempre estou aberto ás novidades.

_Imos necesitar varios días. Daquela, póñase comodo.

_Xa o estou, moitas grazas.

_Cándido Roig Roura é un armador de barcos de Portosín e concelleiro en Noia. Ten 38 anos, unha muller, cinco fillos e unha gran afección polos touros, de tal xeito que desde hai días leva no peto unha entrada da fila sexta para a segunda corrida da feira de agosto que se celebra na praza coruñesa de Marineda polas festas de verán. O coso do arquitecto Juan de Ciórraga está no ecuador da súa vida activa, pois aínda formará parte da paisaxe da cidade ata 1967, cando foi derrubado nunha polémica decisión municipal.

O cartel daquela tarde do 6 de agosto de 1934 é dos que fan historia, aínda para os que non son grandes seguidores da festa: Juan Belmonte, mestre indiscutible; Domingo Ortega, camiño de selo e Ignacio Sánchez Mejías, artista na praza e intelectual fóra delas, que regresa con algún quilo de máis movido pola necesidade. Os tres matarán seis touros dos Irmáns Escudero Bueno, os gandeiros que se fixeran hai pouco cos animais do marqués de Albaserrada.

Belmonte sofre unha collida sen consecuencias e logo desenvolve unha faena “entre música e olés”, como recollen os cronistas do evento. Logo, un pinchazo e media estocada. O descabelo, que se realiza con espada, non é resolutivo e se prolonga máis aló do desexable. Por un intre, o estoque queda prendido na cerviz do animal, solto das mans do toureiro. O bicho cabecea e a arma sae voando e dando voltas polo aire ata o asento 34 da fila sexta do tendido 1 que ocupa Cándido Roig Roura.

E neste punto rematamos a historia por hoxe.

Lugo de novela

Sábado, 24 de Agosto, 2013

Hijo de la niebla

Castro aporta máis casos do seu libro Aparicións esporádicas do topónimo Lugo na literatura popular, foránea e contemporánea.

_Na novela Turno de noche, de Miguel Ángel Carcelén Gandía, un dos protagonistas ten un Ford Fiesta matrícula de Lugo.

_E como o interpreta?

_E como quere que o faga? Pois como o tipo non é de Lugo, tivo que mercalo de segunda man!

_Xa me decato. E que máis?

_En El valle de las sombras, asinada por Jerónimo Tristante, sae un soldado de Lugo que é un pouco parvo, é dicir, algo paspán ou papaleisón, como falan os que pisaron sancristías.

_E a interpretación?

_Que hai apaiolados ata en Lugo! Vostede, sen ir máis lonxe, parece un deles; porque mira que fai cada pregunta…

_Non dea detalles. Outro caso?

_Miguel Gómez, en El asesino del fin del mundo, fala da procedencia das vítimas do asasino e di que unha delas é de Lugo…

_(…)

_…e non me pregunta que significa?

_Non, que ten vostede moi mal respostar.

_Pois significa que o autor quere transmitirlle ao lector que as vítimas son dalí e daqueloutro, de tal xeito que fai que unha sexa de Lugo, que é o máis afastado que lle soa.

_É dicir, que somos exóticos.

_Algo así. Finalmente, en Hijo de la niebla, de Francesc Roca i Ferrer, existen moitas referencias a Lugo, pero todas moi ciscalladas. Por exemplo, un dos protagonistas é o párroco de San Francisco Javier que vai rezar á capela da virxen dos Ollos Grandes. Tamén aparece un hospital que se supón o de Santa María, o cal é un anacronismo. Hai unha rapaza de Burela, os protagonistas din “carallu” e as murallas rodean a cidade vella.

_O cal quere dicir…

_Que o autor estivo en Lugo dúas horas, como moito.

Lugo por fóra

Viernes, 23 de Agosto, 2013

Luna na Sudamericana

Castro levaba un sorriso de orella a orella.

_Veño de rematar o libro máis breve de título máis longo.

_Explicacións, se non é molestia.

_O meu libro leva por título Aparicións esporádicas do topónimo Lugo na literatura popular, foránea e contemporánea. Voulle dar algúns exemplos. José Luis Martín Vigil, que foi profesor xesuíta en Vigo, na súa novela Cierto olor a podrido, fala dunha cociñeira de Lugo chamada Bibiana, á que lle saen moi ben os flans, o cal quere dicir que, se non coñeceu tal personaxe, no inconsciente do pai Martín aniñou a idea de que en Lugo cociñamos moi ben.

_Interesante. ¿E que máis?

_En Encuentros a lo largo de mi vida, Félix Luna, que morreu hai catro anos, lembra unhas mucamas, ou sexa, unhas serventes da Arxentina; que son de Lugo e que senten morriña da súa terra, o cal non é ningunha novidade, pero que confirma con ollos alleos o que todos sabemos cos propios.

_Hoxe aínda ten sitio para outros dous casos.

_O primeiro. En Carne de trueque, do seu compañeiro da axencia Efe Fernando Martínez Laínez, o autor sitúa en Cuba a un lucense receoso e sórdido, patrón dunha tenda que se aproveita dun rapaz, ao que ten escravizado. Demostración de que se saímos túzaros, podemos selo máis que ninguén.

_E o segundo?

_En Historias de asesinos, tafures, daifas, borrachos, neuróticas y poetas, Luis Antón del Olmet, de quen falamos polo miúdo hai unhas semanas _ o escritor que morre asasinado polo ciumento Vidal i Planas _, fai que dous dos seus protagonistas se dispoñan a xantar un xamón. Un deles di: “Buen jamón, jarape.” Ao que o outro resposta: “De Lugo”.

_Non diga máis: Conversa que fala moi ben dos nosos cochos.

_Certo! Durante anos os máis numerosos de España!

Cabazas mortais

Jueves, 22 de Agosto, 2013
A bandeira liberal de Mariana

Mariana Pineda destaca pola súa beleza. Logo de enviuvar, mantén relacións amorosas con varios homes, o que non pode ser ben visto polos membros máis reaccionarios da sociedade granadina.

Sendo así, cabe pensar que Ramón Pedrosa imaxine que non será difícil lograr os seus favores, téndoa como a tiña, collida nunha grave causa.

Na entrevista que celebra coa muller faille saber en primeiro lugar que el é quen de administrar Xustiza ao seu antollo e que ela pode desbotar as angustias que padece, librar da inminente morte e vivir un futuro de praceres e ledicias, mesmo ao seu carón, se accede a satisfacelle a paixón que o devora.

Para que a muller non dubide do seu poder, o lugués emprega unha imaxe que a faga reflexionar sobre o que lle agarda: “Aínda que un reo teña subido xa a metade dos chanzos dun patíbulo, eu podo evitar que morra”.

Pero o único que obtén co seu discurso é unha nova negativa da acusada. Daquel encontro ela sae convencida de que a súa sorte está botada, e quen ve entón a Pedrosa, asegura que leva lume na ollada e que é a viva imaxe da carraxe.

O mes de maio de 1831 ten lugar a execución sen que ninguén a poda impedir ante a incredulidade da propia Mariana, que non comprende como foi posible chegar a esa situación, preparada con minuciosidade por Pedrosa, que non permite que nada o prive de vingarse.

O Alcalde do Crime será desterrado a Filipinas e logo morre en Roma sen regresar a Galicia. Un século despois, cando en 1931 chega a II República, Mariana recibe a homenaxe dos que aínda choran pola súa sorte. Pero como a traxedia sucede en Granada, non faltan persoas que pretendan levala aos altares e busquen milagres na súa biografía.