Ferreiro Peinó fai falar á madeira
Jueves, 31 de Marzo, 2022O seu estudo no Campo Castelo é lugar de xuntanzas mentres él traballa
FINALIZA O ANO no que se cumpren os cen do nacemento de Luís Ferreiro Peinó (Lugo, 1921), e ademais dos actos xa celebrados, váiselle lembrar de xeito especial nos próximos meses.
Os seus recordos de infancia están ligados á contorna da Porta Nova e aos xogos cos seus catro irmáns, un dos cales, Bienvenido, é proposto en 1927 pola Escuela Graduada como merecedor do aguinaldo do neno bo, que consiste nun equipo de roupa e calzado que doan as casas Olmedo, Yáñez, Seijas, Núñez e Gil de Bernabé. De certo, todos eran uns nenos bos.
Son fillos dun perruqueiro ao que Luís axuda na súa adolescencia. Segundo as súas propias palabras, chámanlle a atención os manequíns cuxos globos oculares non teñen pupilas e que serven para soster as perrucas que realiza seu pai. Son estes obxectos os que espertan nel as ansias por plasmar en tres dimensións o mundo que lle rodea.
Quizais por iso o seu seguinte paso no mundo laboral é a ebanistería. Desde os 17 anos faise tallista e experto no oficio de extraer formas da madeira ata adquirir aos poucos as feitura de escultor.
Estuda debuxo na pasantía dun dos urogallos, Rafael Estrada Delgado, como tamén fan Blas Lourés, López Guntín, Pacios, Ramón Lorda Vidal e outros artistas ata a temperá morte de Estrada.
No ano 1958 presenta as súas primeiras tallas na Obra Social de Artesanía 1958 e noutras mostras colectivas como na madrileña Feira Internacional do Campo do 1962.
Durante o mes de xuño de 1968 preséntase nas Galerías da Deputación Provincial cunha selección de medio centenar de obras, que levan a que se lle equipare a Bonome e Asorey.
Repite unha segunda individual o ano 1970 nos salóns do Círculo das Artes. Trapero e os irmáns Valcárcel, entre outros, comentan moi favorablemente ambos os dous traballos.
Daquela instala un pequeno estudio en Calvo Sotelo / Campo Castelo e alí refúxiase para traballar nun continuo desfile de pezas ás que trata con sumo meco, como auténticos fillos seus que son.
Tamén recibe encargos de diferentes tipos de tallas, como foi o marco do título de presidente de honra que a Asociación da Prensa de Lugo entrega ao ministro de Información e Turismo, Manuel Fraga, ou o escudo da cidade incluído na Homenaxe a Lucus Augusti, adquirido polo concello.
Grazas ao seu bo humor e a súa cordial conversa, o taller convértese en club social para os seus amigos _ Tino Prados, Faluqui Prados López Guntín, Blas Lourés… _, e para un grupo de poetas e escritores máis novos _ Xulio e Xesús Valcárcel, Fiz Vergara Vilariño, Claudio Rodríguez Fer, Antón Grande, Xavier Rodríguez Barrio… _, que o teñen tamén como local de reunión.
Este último escribe un “Salmo enteiro para Luís Peinó” e Antón Grande dedícalle un artigo na Táboa Redonda de El Progreso.
Casa con María Teresa Carballido, con quen ten ao seu único fillo, Xoán Luís.
En 1971 matricúlase en Artes Aplicadas para estudar cerámica. Desde o ano 1972 participa nas bienais nacionais de arte que se celebran en Pontevedra, así como nas exposicións que organiza a aula de Cultura da Universidade de Santiago e nas do Mestre Mateo. Dentro e fóra de Lugo consegue diversos diplomas e recoñecementos.
Neses anos viaxa a Italia, onde percorre os principais centros de arte. A súa obra está en museos españois, como os de Lugo, Ourense e Cuenca, e en domicilios particulares de Europa e América.
Peinó laiábase da pouca atención que merecía a obra artística nunha época dominada polo gusto da xente por comprar “chilindradas en serie”.