A Volta a Galicia: 62/ Diego del Barco vs Moore
Miércoles, 30 de Junio, 2010Francisco Javier Balmis
Unha das moitas pezas que existen no Museo Militar da Coruña e que serven pra comprender o que pasou antes de chegar nós a este mundo é a reprodución da corbeta María Pita, coa que o doutor Balmis deu a volta ao mundo pra acabar coa viruela.
Ao director do museo, o coronel José Navas Ramírez-Cruzado, é unha das que máis lle acaen de entre todas as que alí ten expostas.
Despois de falar máis dunha hora co Xocas, o coronel Navas explícanos os seus motivos:
_Xa estou farto de que o heroe da Coruña sexa o xeneral Moore, un militar que foxe dos franceses e que aínda así parece que ninguén fai máis por nós. Hai outros heroes pra estar na tumba de San Carlos.
_¿E cales son?
_Cando menos dous. Pedro del Barco y España, capitán da María Pita que leva a vacina contra a viruela por todo o mundo; e o brigadier coruñés Diego del Barco y de la Zendeja, fillo do primeiro e valeroso asaltante á praza de Laredo cando aínda está en mans francesas. Diego morre en Laredo, non por fuxir dalí como Moore, senón por devolvela a España. De xeito que xa me contarán.
_Iso que conta non lle vai gustar a algúns.
_Pois teñen dous traballos.
Saímos do museo e achegámonos ao xardín de San Carlos. Os científicos tiñan pensado facer unhas fotografías da baía porque alí hai un mirador sen competencia.
De paso tamén botamos unha ollada ao sepulcro de Moore que daquela é visitado por uns turistas navarros máis despistados ca min cando fun en avión a Barcelona.
_Por favor, ¿de quien es la tumba?
_Dun gilipollas _ díxenlles eu sen reparar en gastos.
_¡Jesús!
_As reclamacións, ao mestre armeiro. Chámase Navas e vive ao carón do xardín.
A corbeta María Pita nun selo de Correos