
O creador de Preescolar na Casa recibe a Cruz de Prata da Solidariedade Social de mans da ministra Alberdi
HOXE FARÍA 91 anos Antonio Gandoy Díaz (Lugo, 1930), “o cura da bicicleta”, activo loitador contra a marxinación ao longo da segunda metade do século XX e apóstol da caridade, da que dicía que era un imperativo categórico.
Esa dedicación foi finalmente recoñecida no ano 1995 coa Cruz de Prata da Orde Civil da Solidariedade Social que lle fixo entrega en Madrid a ministra Cristina Alberdi.
Gandoy nace en San Fiz de Muxa, onde o pai é carpinteiro. Un oficio para o que se prepara na Escola de Traballo desde que ten doce anos. Mozo aínda participa na fundación da Juventud Obrera de Acción Católica (JOAC) de Lugo, e cando ten vinte, ingresa no Seminario cunha bolsa do Concello de 3.000 ptas.
Preocupado pola situación social dos traballadores, crea alí con outros internos o grupo Jesús Obrero.
É moi afeccionado ao fútbol e xoga en todas as posicións, aínda que prefire ser porteiro. “Parar un penalti é máis satisfactorio que marcar un gol, porque é evitar unha humillación”, comenta.
Xa con 31 anos, o 21 de agosto de 1961, celebra a súa primeira misa no templo das Agustinas. Para o acto, o misacantano elixe uns padriños inequívocamente vencellados co seu proxecto vital, pois o de Altar será Antonio Arias Pérez, consiliario da JOAC; o de Honra, Constantino López y López, pai espiritual do Seminario; o de Mans, Juan de Ron Pardo, vogal do Tribunal Económico do Ministerio de Facenda, e como madriña, Aurelia de Ron Pardo, esposa do delegado de Traballo, Joaquín Perejón Pardo. Intervén o párroco de Santiago A Nova, Francisco Fontela Aldegunde.
A esa parroquia pertence algúns meses ata que en novembro é nomeado segundo coadxutor de San Francisco Javier de Lugo, que ten como anexa a de San Pedro Fiz de Muxa.
Ao tempo son nomeados numerosos párrocos, entre eles José Sampayo, titular da citada, e Marcelino Sanfiz Mera, primeiro coadxutor. Pouco despois encárgase da JOAC e nesa mesma liña, o ano 1974 é elixido Secretario da Acción Rexional das Caritas galegas.
É entón cando no ano 1977 funda Preescolar na Casa, que funcionará durante 35 anos como organización de axuda ás familias rurais para o ensino. Cunha polémica decisión pouco razoada, a Xunta decide suspenderlle as axudas e o proxecto remata en 2012, dez anos despois do falecemento de Gandoy. Atendía a máis de 3.000 familias de toda Galicia.
Posteriomente é delegado diocesano de Caritas en Lugo.
Durante toda a súa vida utiliza a bicicleta como medio de transporte e a súa imaxe na Avenida de Ramón Ferreiro, ou en calquera outra rúa da cidade, é tan característica desa época como a de Fole camiñando pola Ronda.
Contan que cando Lugo acolle aos máis importantes prelados galegos co gallo da Infraoitava do Corpus e a Ofrenda do Antigo Reino, ou en ocasións moi solemnes, estes aparcan os seus automóbiles na Praza de Santa María, e Antonio Gandoy fai o propio coa súa modesta bicicleta entre eles, para subliñar a diferenza, ou simplemente, porque así lle cadra.
Grazas a unha iniciativa popular e aportacións oficiais e particulares, no ano 2004 puido colocarse unha estatua súa, obra de Juan Puchades Quilis, que o lembra na Avenida de Madrid a carón da súa característica bicicleta.
No 2013, antigos traballadores crean a Asociación Socio-Educativa Antonio Gandoy e recuperan o nome de Preescolar na casa, para continuar cos seus fins.
“A fe _ dicía Gandoy _, complica a vida”, referíndose ás obrigas solidarias que trae consigo crer. Mereceu premios e homenaxes, e o Concello dá o seu nome a un centro social.