Luís Cordeiro “e mais eu”, grupo político galego
Jueves, 3 de Junio, 2021O avogado e mestre de Palas pasou pola política de Galicia como exemplo de home dialogante, democrático e conciliador
EN OPINIÓN DOS que coñeceron de perto a Luís Cordeiro Rodríguez (Palas de Rei, 1934), se todos fosen coma el, a política sería unha balsa de aceite. A comparación serve para salientar a bonhomía, a simpatía, a cultura e o carácter conciliador de quen coñeceu case todas as instancias de poder, desde a pedanía de Santa Cilla do Valadouro, o municipal de Foz ou o provincial da Deputación de Lugo, ata o autonómico do Parlamento de Galicia.
Fillo do condecorado mestre Manuel Cordeiro González e de Dolores Rodríguez, participa desde mozo nas actividades culturais de Palas e mesmo merece a consideración de “grande escenóngrafo” antes de ser bolseiro en Maxisterio e gozar de matrícula gratuíta en Dereito, como colexial do San Clemente.
Un dato para a súa biografía máis descoñecida: Na cátedra de Dereito Político le o seu traballo Ideas regionalistas de Vázquez de Mella, que a bo seguro hoxe soa a chinés.
Ao principio elixe a docencia ao foro e impártea en San Xurxo de Lourenzá, Lugo e Monterroso para recalar na parroquia focense de Santa Cilla do Valadouro. Pronto vai ser un cidadán activo como mestre, director escolar, inspector da Consellería de Educación, presidente da asociación recreativo-cultural Peña da Rapadoira, concelleiro, alcalde e correspondente de El Progreso.
Nunha das súas primeiras crónicas, Luís reclama unha ponte sobre o río Ouro no barrio ou lugar de Teixeira, dentro da propia parroquia de Santa Cilla do Valadouro, porque recentemente hai necesidade de conducir un ferétro desde unha casa ao cemiterio e a comitiva viuse na obriga de se descalzar para vadear o Ouro desa guisa.
En Foz casa en 1966 con Mari Carmen Maañón López-Leytón e nas primeiras municipais da democracia, aló polo 1979, dálle a UCD dez dos trece concelleiros posibles converténdose no primeiro alcalde focense da España constitucional. Sen embargo, nos plans do partido que tripula Antonio Rosón, pénsase nel para que sexa pioneiro democrático no seguinte banzo, a presidencia da Deputación Provincial, como así ocorre ata 1983.
Coa desfeita do centro adolfosuarista pasa a ser concelleiro en Lugo e deputado provincial, para ser elixido logo deputado do Parlamento de Galicia e vicepresidente primeiro do mesmo. É un dos redactores do chamado Estatuto dos Dezaseis e conselleiro da Xunta preautonómica con Rosón como presidente.
En canto a súa militancia, ao desaparecer UCD, participa na creación de Coalición Galega, sector González Mariñas, pero co tempo deriva cara a unha formación sui generis dentro do Grupo Mixto que será bautizada por Carlos Mella como “Cordeiro mais eu”, é dicir, dos deputados por libre, con máis retranca co resto e afastados de ataduras, porque xa vivira abondos bandazos políticos.
Para a elaboración do libro Barreiro contra Barreiro (Xerais, 1990), mantiven unha extensa entrevista con Cordeiro, pois evidentemente el fora testemuña en palco do proscenio de todos aqueles avatares definidos á galega por Iglesias Corral e Luciano Asorey como “pasou o que pasou”.
Non tiña unha opinión favorable de Barreiro por dúas razóns. Por ter atacado Coalición Galega ata destruíla e empolicarse logo como o seu portavoz, e por non o considerar un político listo, “os listos son os que permanecen, e el non permaneceu”.
Diso e moitos máis asuntos escribiu nas súas posteriores colaboracións en El Progreso, recollidos nun volume antolóxico dedicado aos seus netos e titulado Fume de pallas.
Fóra quedan outros moitos aspectos que Cordeiro fixo ou foi, mais el saberá perdoarme.







