
O catedrático de Cazás analiza Galicia co microscopio dun químico e coa perspectiva dun astronauta
RAMÓN VILLARES PAZ (Xermade, 1951) é un deses escasos personaxes que acadan a condición de inabarcables, especialmente cando se trata de comprimilo nunhas poucas liñas, como é o caso.
Se se trata de dar cumprida información do que vén facendo nesta vida, abondan os cargos e os títulos das súas publicacións para encher os folios. E se non o fas, a biografía queda coxa por todos os lados.
A sorte que teño é que sendo amigo de Moncho e de Berta desde a nosa adolescencia, saberán desculpar as medidas do traxe que tento facerlle. Como comezan a sucederse homenaxes e recoñecementos onde calquera pode atopar os datos que aquí non figuren, aforro o currículo.
O lector xa saberá que Ramón nace en San Xulián de Cazás porque de sempre foi preocupación súa dicilo con toda exactitude, se cadra para que o lesen os mozos da inmediata parroquia vilalbesa de San Martiño de Belesar, cos que en Cazás nunca houbo boas relacións de veciñanza.
Ramón di que é de Cazás como seña de identidade, pero logo engade, “son home nado en Cazás, que agora estou en Santiago, porque me gusta a investigación. A profesión que teño, dedicarme ao estudo da Historia”.
É unha máxima científica que vai aplicar sempre con resultados sorprendentes, pois é quen de seguir a xenealoxía de señores e vasalos como pezas imprescindibles dun crebacabezas que se chama Galicia e que el utiliza unha a unha nos seus traballos ata obter a visión completa daquilo que investiga para logo poder contalo.
Así mesmo afirma que se define galego, pero non dun xeito excluínte, “non só galego”, senón “persoa comprometida coa terra na que está”. Aínda que para desenvolver ata o fondo todo o que esta afirmación quere dicir, precisariamos ler boa parte da obra de Ramón Villares, desde o discurso de entrada na Real Academia Galega sobre o Adrián Solovio que foi Otero Pedrayo en Arredor de si, ata os discursos como presidente do Consello da Cultura Galega, pasando por aquelas primeiras charlas sobre o agrarismo e a historia de Galicia, cando a prensa comeza a chamalo “novo profesor”, para pasar axiña a telo como “recoñecido conferenciante” e pouco máis adiante, “ilustre historiador”, “eximio catedrático”, decano, reitor, ou simplemente, mestre.
O edificio cultural de Villares comeza na escola de Cazás, a do Calvario, que Ramón naturalmente investiga para saber que é iniciativa dos veciños o ano 1927 cunha subvención do concello de dúas mil pesetas, a diferencia doutras moitas escolas, que son pagadas polos emigrantes.
Alí recibe durante seis anos o ensino da vilalbesa Carmen Gaioso, que algo ve distinto naquel pícaro, pois está convencida de que debe ir á universidade. A mestra estará satisfeita, pois se pode dicir que lle fixo caso.
Ten a sorte de contemplar a electrificación de Cazás o ano 1957, o proxecto máis caro de Xermade cun presuposto de 281.000 pts, tres veces máis có do camiño de Mazandoi a Porto Sonto. A luz sempre é boa para a Historia.
Outros seis anos pasados no seminario de Santa Catalina de Mondoñedo confírenlle a máis prezada pátina como intelectual dese bispado. Xa se sabe que Cunqueiro se laiaba de non ter estudado nel, aínda que foi alumno oínte de don Francisco Fanego. E como estaba fóra da aula, engado eu que foi oínte e invidente.
Comillas é o prólogo á Facultade de Filosofia e Historia de Santiago, onde remata os estudos en 1973. Logo, no 1980, será doutor e premio extraordinario, e no 1987, catedrático de Historia Contemporánea.
110 Lucenses singulares
De Ramón Villares díxose sempre a mesma loubanza. É un home a consultar. Nós fi xémolles caso e por iso construímos unha especie de dicionario básico do seu pensamento a xeito de resumo. Son Os Villares da Terra.
AXUDAS [Subvencións].- Hai unha idea reducionista que identifica o benestar da cultura con subvencións públicas. Non nego que deba habelas, pero é preciso mudar os procesos, subvencionando aos lectores ou consumidores e non tanto aos produtores. É moi frecuente escoitar que «está mal o libro, está mal o audiovisual; que nos axuden»; cando debería ser «temos que aspirar a saír adiante por nós mesmos. Se é preciso con axudas».
BATALLA.- Facer da lingua unha constante batalla é perxudicial e non chega con que haxa moita lingua no ensino, pois a poboación ten agora moitas fontes de socializarse.
BILINGÜISMO.- Unha cousa é que baixe o número de falantes, e outra que se culpabilice a unha lingua. Temos que ter en conta que, polo menos a medio prazo, Galicia non será nin monolingüe galega nin monolingüe española. Iso esixe administrar da forma máis intelixente posible uns recursos, que son dúas linguas. Nisto estamos implicados todos, por iso as solucións teñen que ser integradoras e non provocar unha fractura.
BIPARTIDISMO.- O bipartidismo ten un valor tan forte para resolver os problemas políticos como as ganas de gañar diñeiro para o capitalismo. Vai coa natureza humana, ao final ou es papá ou mamá. A igrexa leva 2.000 anos e hai unha regra que di que ninguén pode ser Papa dúas veces. Detrás dun Papa A ten que vir un Papa B. Bipartidismo. Pode haber momentos de excepción ou matices, pero é a forma máis sensata de resolver a nosa propia capacidade limitada de entender o mundo. Pode que os partidos que hoxe hai desaparezan e que veñan outros, ou pode haber unha solución populista non recomendable.
CONSELLO (da Cultura Galega).- É o primeiro órgano creado pola autonomía despois de se constituír como tal. Está na xénese da propia autonomía. A parte da legalidadede orixe creo que temos unha lexitimidade de exercicio notable, non só polo traballo feito senón tamén pola posición mantida de forma construtiva, de diálogo institucional e de estar á marxe do que son os humores partidarios e manter unha lealdade á cultura de Galicia. É a institución que se ocupa, non só da lingua, senón tamén do territorio, o patrimonio, a paisaxe e tamén dos emigrantes e as figuras galegas que están fóra. Somosa institución das institucións, xa que hai 15 representadas no Consello e algunhas teñen centos de anos como a Universidade.
CONVIVENCIA.- Dado que en Galicia existen dúas linguas, é necesario que se articulen medidas que permitan que esa convivencia non sexa confl itiva e que posibiliten que o galego non sexa prexudicado por ser unha lingua menor e con menos falantes.
CULTURA.- Non hai unha sociedade que demande cultura co volume necesario para fi nanciala. Non haberá cultura se debe sobrevivir polos seus medios.
DESAFECCIÓN.- Nunca, coma hoxe, os niveis de alfabetización na lingua propia foron tan altos, pero a desafección pola lingua entre os máis novos é a principal tarefa para garantir a súa continuidade.
DIÁLOGO.- Hai un défi cit de cultura de diálogo institucional, de superar as prácticas partidistastanto en gobernos de hoxe como de antes. Gustaríame que houbera máis diálogo non só coa Xunta, senón con alcaldías, deputacións…
DISPERSIÓN.- Galicia, sobre todo en equipamento tecnolóxico, non está na mellor das posicións. Ten unha poboación envellecida e
uns recursos de capital físico moi custosos, moi dispersos polo territorio, cunha ordenación do territorio moi defi ciente. Un dos problemas actuais é viaxar menos da casaao traballo. O cal se pode resolver ben traballando na casa mediante o teletraballo, ou usar menos o automóbil. Iso signifi ca usar menos enerxía, gastar menos en estradas, etc. Pero Galicia vai por outro camiño. Cremos que a dispersión é un valor e incluso o facemos valer para que nos dean máis diñeiro na financiación autonómica.
EMERXENCIA.- Hai perigo de quebra de transmisión xeracional do galego, unha situación que pode ter consecuencias a medio prazo negativas, aínda que non sexa motivo de alerta nin de emerxencia.
EMIGRACIÓN.- A miña primeira conferencia foi sobre a emigración en Vilagarcía. Daquela tiña esa idea miserabilista, moral, propia do rosalianismo, de carga sentimental; consideraba emigrar como unha desgraza. Non hai que dramatizar. Era mellor quedar na casa a pasar fame ou ser explotado nunha mina? A emigración é un fenómeno estable no tempo, pero minoritario. Son máis os que quedan. Os estudos din que emigra un 3% da poboación mundial. O normal é non emigrar.
ENERXÍA.- A enerxía estase dilapidando. Non obstante, non estamos atoados. Temos capacidade tecnolóxica para substituíla. Xa o dicía don Carlos Marx: unha sociedade só se formula un problema cando ten os mecanismos e os instrumentos para resolvelo. Así que cando se formula dunha forma máis crúa, haberá alternativas máis renovables e respectuosas co medio natural.
ENSINO.- É contradictorio, pero aqueles que falan máis o galego son os que non o estudaron. E os que o falan menos son aqueles que o estudaron moito, pero non o aprenderon.
ESTADO.- A cultura padece os mesmos problemas que a agricultura ou o sector naval. A cultura pode adaptarse a novos retos. Non hai grandes empresas, non hai Zaras; na cultura hai un artista, un editor… Estamos nun tránsito cara a unha sociedade distinta. A nosa política cultural está inspirada na francesa, cando A. Malraux, ministro con Ch. De Gaulle, a considera como unha estratexia de Estado: l’État culturel. O PSOE importa ese modelo nos 80. A idea é que o Estado debe levar a cultura a toda a sociedade, darlle acceso aoteatro, ao cinema, ás bibliotecas… ese modelo é posto en causa hoxe.
EXTERIOR.- A cultura é esencial para a identidade de Galicia, polo que é lamentable que esta quede fóra da estratexia de acción exterior. Debe apostarse por integrar a cultura galega que se fai no exterior coa que se fai no propio territorio.
FRANCO.- Tanta insistencia na familia, en Franco… no fondo o que se está a facer é mantendo viva a propia fi gura do ditador, é dicir, non remata de ser historia.
FRANQUISMO.- Hai a idea de que o franquismo é un paréntese na historia de Galicia, que non existiu e que todo aquilo que estea relacionado co franquismo se debe tapar ou eliminar, ou desprezar, e isto é practicar un pouco a táctica da avestruz.
FUTURO.- O galego ten solución, vai ter futuro, o que pasa é que temos que cambiar o diagnóstico sobre el. Combínanse os efectos negativos da concepción ilustrada de que a lingua se protexe só na escola, cuns efectos a medio prazo da disolución da sociedade tradicional galega, a rural, que foi a que realmente mantivo o idioma. A isto sumáronse unhas políticas públicas que foron acertadas no papel pero que socialmente non foron ben asumidas.
GALEGO.- Nin só galego, nin nada de galego.
GALICIA.- Zara naceu na Coruña e sigue estando na Coruña. Por algo será. Galicia hai que vela como un exemplo europeo dunha historia global. Somos un país de emigrantes. Se me preguntan fóra como é Galicia, direi que é o lugar do Apóstolo, das peregrinacións e dos emigrantes.
HARDWARE.- Nos anos de bonanza económica produciuse un exceso de creación de contedores culturais (auditorios, bibliotecas, etc) que non responden as necesidades e ao consumo da poboación galega. É coma se tes o hardware dun ordenador pero non tes o software: non che serve para nada. A cultura de Galicia necesita depurar o seu software.
INDEPENDENCIA.- Creo que en Galicia podería haber unha movilización política de carácter independentista pero non necesariamentenacionalista. Non é o mesmo o nacionalismo e e o independentismo, e isto é un éxito dos cataláns que lograron converter en independentista a quen non era nacionalista. Pero aquí o BNG non está preparado para facer ese tránsito porque o seu peso esencialista é excesivo para facer ese cambio.
MANIPULACIÓN.- Galicia ten un gran tesouro pero ese gran tesouro non se desenvolve políticamente. Hai que explicar por que e non decir sempre que a xente está manipulada, que non sabe… Non, non, non. A xente non se equivoca durante 30 ou 40 anos. Levamos más tempo en democracia que con Franco e a xente esquécese.
MONOLINGÜE.- No debate que se abriu hai unha falacia. Os galegofalantes somos bilingües e os que están promocionando a idea dunha Galicia bilingüe, no fondo ofan contra o galego, propugnando no futuro unha Galicia monolingüe e non unha Galicia bilingüe.
MULTILINGÜISMO.- Imaxinemos que toda a xente se pasase a falar en español e abandonase o galego. Que utilidade tería iso para Galicia? Eu non acabo de velo. Temos máis valor falando galego, español e inglés que soamente falando español e inglés. A xente non se dá conta de que iso supón que che teñan en conta, que che respecten un pouco. Hai que considerar a lingua non como un problema senón como un recurso.
NACIONALISMO.- O nacionalismo galego non ten a forza organizativa do vasco e do catalán, e mentres aquel é un nacionalismo de esquerdas este é un nacionalismo democratacristián e liberal.
NAZÓN DE BREOGÁN.- Con independencia do termo, que sigo pensando que era boa solución aínda que un pouco alambicada, perdemos na época do bipartito a oportunidade de reforzar un discurso radicalmente autonomista. Entre uns que eran municipalistas e outros que eran nacionalistas máis radicais pasouse o Goberno bipartito en disputas un pouco escolásticas. O exemplo do Estatuto é evidente. Claro que non se pode decir no artigo 1 que Galicia é unha nación constitucionalmente. Nin Cataluña o dixo, senón no preámbulo. Creo que era o que había que facer en Galicia, os ilustrados, Rosalía, Murguía, as Irmandades dafala acuñaron un concepto que está no himno: nazón de Breogán. Formaría parte dese discurso. Aprobaríamos que temos unha condición nacional, que é do que se trata. Pero non saíu do ámbito parlamentario. NÓS.- Non hai cultura sen institucións políticas e non hai política sen cultura. O exemplo é Estados Unidos, un país de inmigrantes que falaban diferentes linguas e que comparten valores como a liberdade e as oportunidades. É algo que aceptan mesmo os fillos dos escravos, aínda que tiveron que loitar e loitan polos dereitos civís. Esa argamasa cultural crea un imperio. O que sexamos depende de nós, da nosa vontade de ser.
PARTIDOS.- Cando hai un partido único, perigo; cando hai unha gran proliferación, como dixo Montesquieu, chégase a un punto de caos para chegar outra vez a unha solución concordada. En España, Ciudadanos pretendería sustituir ao PP, Podemos ao PSOE. Vano conseguir? Non o sei. Ao fi nal haberá unha especie de fusión de ideas, de organizacións e de estruturas. Os partidos poden desaparecer.Creo que o único partido que está a salvo en España é o PNV, Convergencia, Unió, PSOE, PP, BNG… PATRIMONIO.- Non temos recursos naturais, pero temos o Pórtico da Gloria, igrexas románicas, unhas paisaxes excepcionais,… Temos base para ser outra cousa. Falar de nación cultural e política é un xeito de entendérmonos.
RAMÓN VILLARES.- Son un home nacido en Cazás e que agora estou en Santiago porque me gusta a investigación, a profesión que teño, dedicarme ao estudo da Historia. Tamén me defi no como galego, pero non de forma excluínte, é dicir, non só galego. Son da opinión de que temos moitas identidades, non só unha. Unha persoa comprometida coa terra na que está.
TURISMO.- Se mira vostede aí abaixo, á praza do Obradoiro, verá que está chea de turistas que están consumindo cultura. O turismo parece banal. Comprar botafumeiros parécelles un acto banal ás elites. Nunca se viaxou tanto como agora, eses viaxeiros consumen cultura, pero non é a cultura que creamos nós.
XELMÍREZ.- O señor que estaba no pazo de aí enfronte en 1120, Xelmírez, ten a resposta. A Igrexa decidiu vincular o norte da Gallaecia con Toledo, Cluny e Roma; mentres que na Gallaecia sur Afonso Henrique apostou por unha monarquía propia e por crear un imperio. A substancia da Historia de Galicia é cultural polo peso da Igrexa. Podemos lamentarnos, pero en Historia lamentarse non serve para nada. A Historia é inamovible, aínda que sexa interpretable.