Negra sombra
Sábado, 14 de Marzo, 2020
A condesa de Biandrina, señora de Urrutia, e Maruja, filla de ambos. Óleo do chileno Luis Alberto Sangróniz Castro (Estampa)
Vicente Urrutia Errasti, futuro conde de Biandrina e futura víctima de Paracuellos del Jarama, foi antes deputado cunero por Lugo no ano 1914, xusto entre Augusto González Besada e Joaquín Quiroga Espín.
Xa se sabe que os da localidade, en canto detectan aos cuneros, engurran a testa e poñen faciana de gorila. Pola contra, mentres non se celebran as eleccións os cuneros pasan algúns días no distrito ao que agardan representar e fan todo o posible por caer simpáticos.
Da man dos Quiroga, Urrutia cumpre á perfección o seu papel de fillo adoptivo. Nas tertulias do Círculo das Artes, Urrutia fala sen parar da paisaxe do Miño, das solemnes pedras da muralla, da incomparable e santísima catedral, de Pallares, de Castro, e de Aureliano José Pereira de la Riva.
A auga é boísima, as mulleres, fermosísimas; a comida, para que contar, e ata o clima parecíalle a Urrutia do merllorciño de España.
Un xornal chega a publicar que seguramente o señor candidato non tiña de Lugo máis que unha “leve referencia xeográfica”, e que unha vez coa acta na man non se lembra da cidade nin cando chove, pero iso aínda está por chegar.
Logo do café no Círculo, Quiroga e outros amigos acompáñano a dar unha volta polo centro. Sábese que ve: O Concello, a rúa da Raíña, Santo Domingo… Urrutia fala sen parar. Se non ten información, pregunta.
Na praza de Santo Domingo, diante do busto que alí hai, recoñece que non sabe de quen se trata e indaga a identidade do personaxe.
_ É Montes _ din os do grupo.
E Urrutia entra a matar ata a bola:
_ ¡Hombre! ¡El famoso Montes…! Muy bien. Yo creí que en Galicia no habían tenido ustedes más torero que Celita.
O pobre Urrutia _ pobre polo que a historia lle reserva _ confunde ao músico co toureiro Antonio Montes Vico, morto sete anos antes.











