A Volta a Galicia: 63/ A Tabernas coruñesa
Jueves, 1 de Julio, 2010
Emilia Pardo Bazán
Na rúa Tabernas está a casa de doña Emilia, e na casa de doña Emilia está a Real Academia Galega que hoxe preside o Ferrín.
_¡Xa me poderían alugar a min o sobrado!
_Cale, Pelúdez; que vostede todo o examina pola lei da Vivenda e Solo.
_Non lle digo que non. Voulle preguntar a esta moza tan esvelta se teño algunha posibilidade de ocupar a solaina.
A moza á que me refiro é Julia Santiso, a conservadora da Casa-Museo de dona Emilia Pardo-Bazán. Adiántome á patulea dos científicos e dígolle á Julia:
_Tendo como teño tantas concomitanzas coa condesa, ¿por canto me deixa o rocho?
_¿Vostede tamén é parente dos Pardo-Bazán? Coñecemos a máis de sete mil.
_Non, señorita; o meu é moito máis profundo. Voullo expoñer: ¿Non lle gustaba moito a ela a cociña? ¡A min tamén! ¿Non lle gustaban as cousas claras e o chiculate mesto? ¡A min tamén! ¿Non falaba de Galicia? ¡Eu tamén! ¿Non era a muller máis ben repoluda, baixa de cu e alta de testa? ¡Eu tamén…!
_¡Pelúdez!
Non me deixan rematar a exposición, e como non é cousa de facer máis polo piso, vou ver as pinturas da familia que teñen por alí.
_Un dos principais libreiros de Madrid hai un século, don Fernando Fe, papou un banquete no Lhardy grazas a superstición da condesa.
_¿Como foi iso?
_Cando un día a escritora chega a ese restorán e comproba que hai unha mesa posta pra trece comensais. Bota a correr, sae á Puerta del Sol e busca a alguén que poda sumar catorce e desfacer o meigallo. Fernando Fe era a persoa ideal.
Julia agasállanos cun conto da Pardo-Bazán no que fala das súas relacións co 13, e con el na man, un por un, fomos saíndo de Tabernas, máis formaliños que nenos tarsicios.
Chove e o Varela semella ser o mellor destino.
Restaurante Llardy



