A Volta a Galicia: 73/ Pradilla casa na Nova
Domingo, 11 de Julio, 2010
Autorretrato de Francisco Pradilla
A investigación levounos desta volta ata o Arquivo Central Parroquial da Diócese de Lugo, que se atopa no Bispado, como tamén o Histórico. Alí agardaba por nós o seu director, José Lebón Sánchez, que xa coñecía o que tiñamos entre mans.
Os científicos querían atopar a proba de que o pintor aragonés Francisco Pradilla, autor, entre outras obras moi reproducidas, da Rendición de Granada, casa en Lugo o mes de xaneiro de 1878. Dese xeito, acompañados de don José Lebón, penetramos no sancta sanctorum do arquivo.
_Aquí non entra moita xente porque se os volumes consultados non volven ao seu sitio correcto, se poden perder para sempre _ di don Xosé mentres busca o libro da parroquia de Santiago A Nova correspondente a 1878.
Efectivamente, alí aparece a voda celebrada entre Francisco Pradilla, natural de Villanueva de Gállego, en Zaragoza, e a viguesa, Dolores González del Villar, filla do piloto maior do porto de Vigo, e da súa muller, nada en Lugo. Ese sería o motivo polo que a cerimonia matrimonial de Dolores celébrase na cidade das murallas.
_Vigo e distintas paraxes da súa ría van ser temas frecuentes na obra de Pradilla _ di o director.
_Si, a relación do artista con Galicia é unha historia moi curiosa. El chega a Vigo na compaña do acuarelista Ramón Guerrero, un dos seus profesores, e un día, estando no porto, cae unha persoa á ría, ou ben, tenta suicidarse. O caso é que Pradilla non o dubida e tamén se tira pra salvalo. Polo visto é así como coñece ao piloto do porto e a súa filla Dolores, coa que casará tempo despois na Nova lucense.
_Seguro que Dolores lle serve de modelo en máis dun cadro.
_É moi probable. Mágoa que non saibamos se é a Isabel da Rendición de Granada, a Juana la Loca do traslado, ou unha das musas do pazo de Linares.
_Guapas mozas todas elas.
Doña Juana La Loca, de Pradilla



















