Archivo de Junio, 2010

A Volta a Galicia: 42/ Inmaculada e Tarsy

Jueves, 10 de Junio, 2010

Inmaculada Paz Andrade

A pícara da Sabela e outros da súa Facultade fan unha actuación na Ferradura con cantigas, gaitas, bailaretes e pandeiros. Os peregrinos tíranlles fotos, e nós tamén. Os peregrinos aplauden a rabear, e nós tamén. Os peregrinos bótanlles unhas moedas coma se fosen titiriteiros, e nós… marchamos.

O director quedara con Inmaculada Paz Andrade, con Tarsy Carballas e cos seus colaboradores do Grupo Thor, unha unidade de investigación que teñen na Facultade de Física pra a predicción dos incendios forestais.

Cando nós chegamos, presentounas ao equipo:

_Aquí tedes dous verdadeiras científicas do mellorciño de España.

Aquilo viña a dicir que nós non tiñamos nada de científicos, ou cousa parecida.

Pra non quedar calado e pra que viran que eu tamén sei de prediccións, dixen:

_Co que chove, este ano moito non poden equivocarse.

_Agarde a que escampe, e logo falamos _ di a Inmaculada, que sempre anda ás bromas.

As mulleres explícanos como é que o Grupo pode predicir con gran exactitude onde e cando vai haber un incendio en Galicia, norte de Portugal e terras da veciñanza.

_Non me imaxino ler no xornal: Incendios pra mañá: Ás doce, en Brañalameiro haberá un pavoroso…e tal e tal.

_Mellor que publicalos, será cousa de evitalos.

_¿Pero como recorcio vas evitar un incendio, se estas señoras que saben tanto din que vai habelo? Se o apagan, xa non o hai.

_As doctoras traballan con moitos datos que cruzan con outros e dese xeito poden facer as súas profecías.

_E digo eu, se lle meten moitos datos á máquina, ¿tamén poden adiviñar con ela os movementos do mercado de valores?

_¿Tes moitos cartos investidos, Pelúdez?

_¿Xa estamos exercendo de galegos?

 

Tarsy Carballas

A Volta a Galicia: 41/ Sucedeu en Mazarelos

Miércoles, 9 de Junio, 2010

Montero Ríos, tocado de amarelo

A paseata polas rúas de Santiago levounos a lugares mil veces percorridos e a outros descoñecidos. Atopamos xente amiga a cada metro. Celso Currás, Alicia Ratón, Ramón Villares, Perozo, Luis Pousa… Todos coa mesma leria:

_Pelúdez, ¿pero que fas ti aquí?

_Xa vedes. De viaxe cos científicos.

E ninguén o cre.

Cando chegamos a Mazarelos, a praza está ateigadísima. Entre os que alí veñen pra adquirir cultura, e os que van á Consellería de Cultura, xúntase un xentío que nin os venres en Mercurín.

Puxéronse a facer fotos contra a estatua de Montero Ríos, por aquilo dos traslados que fai de ano en ano ata o Obradoiro, e volta. A estatua, non Montero Ríos.

Nesas estaban cando a Sabela tropeza cun deses chismes que poñen pra afastar os coches das persoas, e cae na rúa levándose os xeonllos descarnados.

Pola faciana que puxo decateime que se mancara de verdade, e fun onda ela pra quitarlle ferro ao accidente:

_Un amigo meu caeu así e quedou coxo de por vida.

_¡Home, Pelúdez! ¡Podía animar un pouco! ¿Non ve que a Sabela ten a perna esmagada?

_¡Pero se xa a animo…! ¡Teño outro amigo que tamén caeu así… e perdeu a perna! Anda que non podía meterlle o medo no corpo se quixese…

Pouco a pouco, a Sabela foi recuperando a cor e o humor:

_Xa vía os titulares de mañá: “Mazada en Mazarelos”.

Por unha razón ou outra, chegamos tarde á casa da Balconada. Por se fora pouco, logo de tomar todas as súas medidas topográficas, o historiador di:

_¡Esta non é a casa da Balconada! ¡A da Balconada está na rúa Xelmírez!

Aproveito a confusión pra organizar a cea:

_Xa que só falades de quebraduras e meteduras de pata, ¿por que non facemos a papatura dunha pata de cabrito?

A Casa da Balconada é esta

A Volta a Galicia: 40/ Andrade de Cee

Martes, 8 de Junio, 2010

A escaleira

Despois de xantar no Dezaseis collemos o gusto polos números e visitamos a escaleira helicoidal de Andrade no Museo do Pobo Galego. ¡Mira que tivo que facer contas o tipo antes de chegar a unha escaleira tan complicada!

Mentres tiraban as fotos correspondentes, fun dar unha volta polas salas do Museo co historiador. Cando entramos na dos traxes, acéndense as luces de súpeto. Eu dou un chimpo, e o meu compañeiro bótase a rir.

_Xa sei que son de aldea como o Sicart, pero non será cousa de facer ferida coa miña aldeanidade, de vello coñecida.

_Río, porque me veu á memoria cando Fole dicía que el prendía as luces da rúa de San Marcos coa súa presencia. Ti, igual.

_Estas luces que se apagan soas deberían poñelas ata nos faros mariños. Se non hai ninguén, aforramos o gasto.

_Falando de luces, ¿a que non sabes quen foi o mestre fogueteiro da sesión de fogos artificiais que lle ofrece Santiago a Mariana de Neoburgo, días antes de casar co rei viúvo, Carlos II; alá polo 15 de abril de 1690, hai xa trescentos vinte anos?

_Non o sei, non señor. Eu daquela saía pouco polas noites.

_Pois nada menos que Domingo Antonio de Andrade, o arquitecto da escaleira, da torre do Reloxio e de tantas cousas máis.

_¿Arquitecto e fogueteiro?

_E urbanista, e autor do baldaquino de Oseira, e inventor das modernas guerras bacteriolóxicas.

_¿Está vostede ben da cabeza? Lembre que este primeiro sol de maio é fatal prás meninxes.

_Ben sei o que digo. O de Cee deixa escritas varias fórmulas para fabricar bombas. Por certo, levo unha nos apuntes. Escoite: “O primeiro, cóllense sapos, salamandras, culebras e víboras, que se botan nunha ola (…) ponse un forno a lume lento (…) e logo fanse polvos remexendo os animais dun lado a outro sen destapalos.”

 

A torre do Reloxio

A Volta a Galicia: 39/ Dieste, Pancho, Rianxo

Lunes, 7 de Junio, 2010

 Castelao e Dieste en Rianxo

Deixamos Santiago por unhas horas para coñecer a casa dos Dieste en Rianxo. Está na sonada rúa de Abaixo, como as de Castelao e de Manuel Antonio, de tal xeito que máis que unha rúa, aquilo semella o monte Parnaso.

Acompáñanos moi amable un representante do Concello. Queren convertela en casa-museo, pero aínda hai algún atranco.

A casa permanece como quedou cando estaba habitada. Hai mobles e das paredes colgan fotografías da familia Dieste. Por certo, di o historiador que uns Diestes veñen de Ayerbe, en Aragón, e outros, de escribir en castelán o apelido Diestzhe, ou cousa así.

Pola galería que dá á virxe de Guadalupe pódese ver tamén a casa de Castelao. Os científicos din que desde alí, Olegaria, irmá dos Dieste, salouca de amor polos ósos de Alfonso Daniel.

O historiador lembra detalles do sucedido.

_Cando o estudiante de Medicina comeza os sucesivos noivados coas irmás Pereira de A Estrada, Olegaria cae nunha postración total e permanece na cama o resto da súa existencia.

A Sabela engade:

_A novelista Elena Quiroga, casada co historiador monfortino Dalmiro de la Válgoma Díaz Varela, pasa uns días nesta casa e coñece a historia de Olegaria. Baseada nela, Elena escribe a novela La enferma.

O Xocas divaga:

_Fixádevos, son os mesmos elementos de Mar adentro. Un leito, unha enfermidade, un amor, o mar… a morte.

E eu poño as cousas no seu sitio:

_Queridiños, estaría escoitándovos todo o santo día, pero este señor do Concello terá que marchar ás súas obrigas, e nós deberiamos termar da fame das nosas barrigas.

Fixéronme caso e fomos ao Pazo, cas Pancho Martínez, que amais de ser actor nas series da Galega, tamén prepara uns arroces de película.

 

Olegaria

A Volta a Galicia: 38/ Aguirre en Bonaval

Domingo, 6 de Junio, 2010

O Panteón de Galegos Ilustres

A entrada en Santiago non puido ser máis formal. Fixémola por Santo Domingo de Bonaval, grazas a que nos deixaron a chave pola nosa condición de científicos asilveirados. Como dixo un deles, por moitas veces que vexas o mosteiro, segue a impresionar como o primeiro día, sobre todo agora, coa pedra espida e sen xente.

No Panteón de Galegos Ilustres medra a emoción sabendo que alí están os restos de Rosalía, Fontán, Brañas, Cabanillas, Asorey e Castelao, que foi o último en entrar de cando o trouxeron de América.

_Non é que sexan moitos os ilustres_ comentei polo baixiño _. Se cadra coa crise reduciron os títulos.

_Agora xa non se poden facer enterramentos aquí, Pelúdez. Ti terás que ir ao camposanto, como os demais.

_¿Eu? ¡Meigas fóra! Prefiro estar vivo entre os badulaques, que morto entre os ilustres.

O director andaba tras a lápida de Aurelio Aguirre, o poeta amigo de Rosalía que morre en San Amaro pouco antes de casar ela co Murguía. Dixéronlle por activa e por pasiva que alí non estaba, que nunca estivo e que non se agardaba por ela; pero ao home non lle abondaba a palabra dos expertos.

_Sei que está aquí. Hai un sexto sentido que mo está a dicir, coma cando buscabamos a Cama do Home en Taboadelo de Pontevedra. Chamádeme tolo, pero é así.

Non quedou recuncho sen mirar, pero da campa de Aguirre, nin rastro. Recollimos os trebellos pensando que desta volta o director tiña as pilas do sexto sentido fundidas, cando de súpeto, xa na saída, comeza a berrar coma un xato:

_¡Vide, vide, vide!

Arrexuntámonos onda el nun cornecho escuro da porta, e posto de xeonllos di o tipo cheo de ledicia:

_Velaí a tedes, ¡a lápida de Aguirre! ¿Que vos dicía?

Era certo. Alí estaba a pedra recostada contra a parede.

A proba

A Volta a Galicia: 37/ Na illa de Arousa

Sábado, 5 de Junio, 2010

Ferrón

Dixeron os científicos que non podían pasar un día máis sen saber onde xogaron os ingleses ao fútbol por primeira vez en España; se foi en Vilagarcía, ou se foi en Huelva.

_Tendo en conta que eran mariñeiros e que viñan das illas, o lóxico é que fose en Arousa, que lles cae máis atopadiza, pero vai saber. Se lles colle á hora do té, non xogarían ata Huelva.

Entramos nas oficinas da Lomba, onde agardan por nós o presidente do Arosa e Teodomiro Cardalda, que é de Vilaxoán e parente do Teo Cardalda, o cantista dos Cómplices.

Teo, que tamén se fai chamar Ventorrachado por aquilo de que foi mariño e andou polos sete mares, sabe de poesía, de historia e de fútbol. Organizou o último recital no que participa Uxío Novoneyra e coñece a historia de Martín Santos Ferrón, o único futbolista galego que foi xogador internacional por outro país, seleccionador nacional e mister dun equipo español, o Plus Ultra, que logo pasaría a ser o Castilla, e máis tarde, o Real Madrid B.

Despois de moito falar aínda non quedou moi claro se o fútbol comeza en Riotinto, ou na illa; se Santos Ferrón canta cos Cómplices, ou se Uxío fora presidente do Arosa, pero o importante é que facemos moi boa amizade cos dous.

Baixamos ao campo e coñecemos a todos os xogadores. O director pregúntalles:

_¿Sabedes o que é un vicegol?

_Non _ din todos, tal como o tipo agardaba.

_Pois segundo Wenceslao Fernández Flórez, o vicegol é un chut, que se ben non entra na portería, está tan ben feito e tan ben dirixido, que merecería ter sido gol. Cada dous vicegoles, contan coma un gol.

_¡Vaia toleada! ¡Polas mesmas contas, se o porteiro fai unha boa estirada, pero é gol, deberían anulalo. Cóntello a don Wenceslao.

E nesas quedamos.

 

 

 

O Plus Ultra de Martín Ferrón

A Volta a Galicia: 36/ Valle en Vilanova

Sábado, 5 de Junio, 2010

O despacho de Valle

Vilanova de Arousa, Vilagarcía, Pobra do Caramiñal… A rota de Valle non pode estar máis ateigada de testemuñas de don Ramón. Quedou algunha sen facerlle unha foto, pero foi porque alguén se encargou de distraer ao director. Se por el fose, aínda estábamos hoxe alí colléndoas de perfil.

Na Casa Museo Valle Inclán de Vilanova o tipo mira e remira todas as portadas dos libros, centos delas, e logo di:

_Falta unha.

_¿Como pode saber se falta unha cando hai tantas? _ abraia a Sabela.

_Las Galas del Difunto non están.

_¡Non pode ser!

_Pode ser, porque non se publican con ese título, senón co de El terno del difunto. E logo no denominado Martes de Carnaval.

_Polo tanto, ese libro non está porque non existe…

_Máis ou menos.

_¡Susto levei! _ di a muller _ Coñecendo como lle dan a vostede, ¡xa me vía facendo o libro esta mesma tarde…!

Eu sentei nunha cadeira e estiven a ver unha e outra vez as imaxes que botan nunha parede. Nelas aparece Valle no estudio de Julio Romero de Torres. Despois contoume o historiador que daquela os dous andaban encerellados coa participación, a súa e a de moitos máis famosos da época, na película de Gómez Hidalgo, La Malcasada.

_É de chorar _ digo eu.

_¿Coñécea? ¿É moi emotiva?

_Non, quero dicir que é de chorar que non poidamos vela.

_E Tanto. Ademáis deles dous, na Malcasada interveñen os irmáns Franco, Concha Espina, Julio Camba, Azorín, Miguel Fleta, Miguel Primo de Rivera, Margarita Nelken, o conde de Romanones, Ignacio Sánchez Mejía, Juan Belmonte, Wenceslao Fernández Flórez, Juan de la Cierva, Lerroux, Manuel Machado… e non sei cantos máis. Todos xuntos pasándoo ben.

_¿De que ano é?

_De 1926, tan só dez anos antes.

 

 

O elenco completo de La Malcasada

A Volta a Galicia: 35/ Baño na Toxa

Sábado, 5 de Junio, 2010

A entrada do Gran Hotel

Pasamos a ponte da Toxa como manda a tradición, sen respirar. Algún xa estaba verde cando chegamos á illa, e iso que Secundino foi ó límite.

No balneario agardan por nós os do equipo médico habitual, aínda que non é habitual que agarde por nós ningún equipo médico. Feitas as presentacións, collen ao Xocas e méteno nunha bañeira que tiña a auga fervendo, e dunha cor así como de mazá reineta.

_¿Estás ben, queridiño?

_Coma unha marmota cando hiberna _ resposta o aludido.

Os científicos andan na pescuda de don Antonio Casares, o doutor monfortino do XIX que exerce de químico, de eléctrico, profesor e de demiurgo; pois como ben di o historiador, a el debémoslle as sínteses do eter e mais do cloroformo.

_Se algo debemos nós, propoño o estilo Ribadeo _ dixen eu por fixar as regras.

Non era cousa de cartos, e puido seguir a lección.

_No século XIX, Casares fixo electricidade en Fonseca…

_¿Xa daban daquela Electricidade en Fonseca?

_Non, Pelúdez, non. Foi el quen a fixo no patio de Fonseca. É el quen determina a presenza de cesio e rubidio nas augas. Foi el quen consegue un conxunto de avances decisivos sobre análise hídrica, como o realizado o ano 1841, aquí, na illa da Toxa; cando establece a calidade das súas augas, cunha temperatura entre 40º e 60º, e altos contidos de sodio, calcio, ferro e magnesio.

Quedeime bobo de todo o que un ignora:

_Oia, iso que di, ¿sábeo desde pequeno, ou foi aprendéndoo a cachos?

_¡A cachos, home, a cachos!

_Pois moi ben. Por certo, ¡que boa está aquela rapaza da bata branca!

_¡É o Secundino! _ aclara Sabela.

_¡Bo, bo! Vostedes sempre poñendo dificultades. ¡Non sei pra que me traen!

Antonio Casares

A Volta a Galicia: 34/ Moedas na Lanzada

Miércoles, 2 de Junio, 2010

A Lanzada

Os científicos percorrían as salas do Museo de Pontevedra armados duns cadernos e duns bolígrafos de moitas cores. Vían unha peza, paraban diante dela e anotaban o que lles petaba.

Achegueime a unha das vixiantes e díxenlle:

_Pode estar tranquila, muller; non están a facer o inventario pra subastar o museo. Collen notas pra un traballo que lles encargaron.

_Non estaba preocupada. No museo pódese facer o que cada un queira, sempre que non se leven as cousas.

Baixamos ao camarote de Méndez Núñez e cáseque me mareo do realismo que ten. Gustoume ver a prata de don Gonzalo e o ouro de Caldas de Reis. Tamén vin un Vicente López, cen Castelaos e un pavo real de Sargadelos, agasallo dos Fontao.

Eu seguiría alí un bo cacho, pero quedaramos na casa natal de Colón en Poio e non era cousa de chegar tarde, co puntual que foi sempre don Cristóbal.

Aínda que a casa está en obras, o historiador non puido disimular a súa ledicia.

_Non o entendo _ díxenlle eu _. ¡Se fose súa a casa, tiña un pase; pero sendo de Colón…!

Tiraron unhas fotos e seguimos viaxe ata A Lanzada, onde a señora que vende os recordos díxonos que axiña comezarían alí os traballos duns arqueólogos. Agardan atopar un tesouro de moedas dos que sacan do paro.

_Miña nai sempre dicía que alí tiña que haber moitos cartos e que ela xa coñecera a máis dunha que chegou á praia pra tomar as nove ondas, e marchou dalí coas nove onzas.

_Isto é o que se chama unha praia rendible. O ideal en tempos de crise.

_Se o poñes no xornal, mañá vai estar isto cheo de xentío.

_Mellor _ di a vendedora _. Dese xeito poderei desfacerme de todas as miñas stock options.

_¡Miña madriña querida! ¡Moita prensa económica lemos hoxendía!

A Volta a Galicia: 33/ Diante da Peregrina

Martes, 1 de Junio, 2010

Ravachol de corpo presente

Os turistas veñen ver a Peregrina, o loro Ravachol e os xardíns efímeros. Como di o historiador, “veñen en mesnadas” e sempre hai moita bullanga no mellor dos sentidos.

_Pontevedra ten un centro urbano que xa o quixeran pra eles os centros urbanos de medio mundo _, dixen eu por non calar.

Ravachol quedou plantificado diante do que era a botica de don Perfeutiño, ou sexa, o gaiteiro Feijóo, que foi o primeiro músico galego que grava un disco dos de pedra. El e os compoñentes de Aires da Terra, o grupo co que contacta Gramophone pra facer unha gravación con música de gaitas.

_Os que saben da historia din que don Perfecto quedou tan chafado co invento, que non quixo saber máis nada da industria discográfica que lle viña enriba.

_No Museo do Pobo Galego teñen acollido o taller do luthier Basilio Carril, pero a foto que máis se ve é a do dono de Ravachol.

_O nome do loro era un homenaxe a un anarquista axustizado neses anos.

_Logo o loro tiña que chamarse François Claudius Koënigstein, que é o verdadeiro nome de Ravachol.

_¡Que barbaridade! ¿Como vai rematar o entroido de Pontevedra co enterro de François Claudius Koënigstein? ¡Nin que fora Hamburgo!

Despois de dicir todos eses responsos diante da estatua do animal, collimos dirección á Moureira, por se atopabamos a un bisneto do pirata Benito Soto que ninguén coñecía.

Despois de moito camiñar sen éxito, escanciamos unha auga no Bar Pitillo onde tampouco sabían nada do suposto parente de Soto.

_Piratas hainos dabondo, e sen necesidade de vir á Moureira _ comentei pra consolar ao equipo _. Se queredes, mañá mesmo preséntovos dous do meu pobo, con loro e trabuco.

Don Perfecto Feijóo, máis chulo cás pesetas