A Volta a Galicia: 2/ A carón de Mateo Morral
Sábado, 1 de Mayo, 2010O balcón de Mateo Morral
Logo de pasar a mañá facéndolle fotos a toda canta rúa madrileña cheira a Galicia _ ben porque hai establecida unha pulpeira, ben porque deu en pasar por alí don Ramón María _, a Sabela dixo a primeira frase gastronómica do día.
_Agora, a Casa Ciriaco.
Aínda que non era a unha, que é cando presta xantar aos que levamos horas de pé, aquilo significaba que a papatoria non andaba lonxe.
_¿E que se nos perdeu na Casa Ciriaco? _ dixen eu pró disimulo.
_Imos á pensión onde está Mateo Morral cando tira a bomba contra Alfonso XIII o día da súa voda _ contéstame ela coma se eu non o soupese, o cal era certo.
Ao chegar atopamos na porta a Godofredo Chicharro, que é o actual dono do establecemento onde teñen a súa sede social os larpeiros Amigos de Julio Camba.
_Nesta casa sempre son benvivos os galegos _ saúdanos Godofredo _. Non vos podo poñer na mesa de Camba, porque está ocupada; pero teño outra onde sempre se senta Antonio Mingote.
_Por min, coma se se senta Pedro Botero. Con tal de que non estea hoxe…
Botaron unha risada e fumos direitiños á mesa. Podo dicir que estaba todo boísimo.
_Mateo Morral tiña alugada unha habitación nun piso deste edificio porque sabía que a carroza dos reis pasaría debaixo dos balcóns no día da súa voda. Así, o 31 de maio de 1906 mete a bomba que lle dera Nicolás Estévanez nun ramo de frores, apunta contra os recén casados, solta a carga explosiva… pero o ramo tropeza cun cable do tranvía e vólvese contra o público. Total, case trinta persoas mortas e os reis saen ilesos. ¿Queredes ver a habitación onde estaba Morral? _ ofrécese Godofredo.
_Queremos ver a do lado _ dílle o director moi seco.
_¿E logo?
_Interésanos porque nese intre había un galego alí. O violinista Manuel Quiroga.
Abaixo, Casa Ciriaco; arriba, a pensión



