Archivo de Mayo, 2010

A Volta a Galicia: 12 / As veciñas de Salvaterra

Martes, 11 de Mayo, 2010

Portugal, desde Salvaterra

Percorremos a raia portuguesa, contra corrente do Miño. Son centos de historias ás que os científicos queren achegarse coma se o océano puidese coller nunha botella, coma se un minuto fora tempo bastante para contar a eternidade.

Tui, Viana, Salvaterra, Arbo… moitas poboacións que visitamos están ben fortificadas. Pra velo de perto subimos á fortaleza de Salvaterra na compaña dunhas veciñas. Alí coméntolles:

_Hai unha cousa que non entendo.

_Conte, Pelúdez _ autorízame o director diante das mulleres.

_Digo eu que se só hai fortíns, soldados, canóns, garitas e trangalladas desas nuns poucos metros de todos os quilómetros que ten o Miño, ¿por que van a atacar os portugueses precisamente por alí?

Houbo risadas, pero eu seguín coa miña teima.

_¿Non lles viña máis a conta aos inimigos abeirar os castelos, e facer a invasión por onde non existan?

_Certo, pero precisamente iso explica por que se constrúen as fortalezas. Pra que non pensen que todo o monte é ourego _ sentenza unha das veciñas, tres señoras moi simpáticas que viven porta con porta coa fortaleza de Salvaterra.

As casas das mulleres están en primeira liña de muralla, como din cando falan de praias. Viven xusto diante da capela da virxe da Oliveira.

_¡Xa ven! ¡Tanta defensa e tanta pedra, pra rematar cunha virxe portuguesa diante do balcón! ¡E ben contentas que estamos!

Dito isto, as tres mulleres pegan a volta e marchan á casa, que xa deran as dúas e aínda non fixeran o caldo. O Xocas aproveita a última pregunta.

_¿Oíron falar do Estebanillo?

_Oímos, máis que vimos.

E sen máis detalles que ofrecer, pérdense tras da porta.

_¿Quen é o Estebanillo? ¿Un toureiro de sona?

_Non, un pícaro da zona.

A Virxe da Oliveira

A Volta a Galicia: 11 / Na Pinta de Baiona

Lunes, 10 de Mayo, 2010

Pinzón regresa enfermo coas dúas pintas

O capitán da Pinta xa non é Pinzón, senón Copa. Copa leva nela dezaséis anos, case os mesmos que leva o barco-museo no peirao de Baiona.

El é quen recibe aos científicos a bordo. Alí está Martín Alonso Pinzón escribindo unha carta no castelo de popa. Cerca del, pero por fóra, Rodrigo de Triana non deixa de berrar: ¡Terra á vista! Aos outros non os coñezo, nin me foron presentados, pero abofé que tamén forman parte da tripulación polo oficio que se lles ve.

Copa conta algunha anécdota da Pinta nestes anos que leva ao seu goberno.

_Seguro que máis dun aproveitou as adegas pra botar unha cabezada, ¿eh, Copa? _tírolle eu da lingua.

_E pra botar outras cousas _ contesta Copa por todo detalle.

_Cale, cale, que se lle entende todo.

O director tamén está interesado na historia picante do barco, pero non nesta recente á que se refiere Copa, senón a que sucede no século XV.

Polo visto, Pinzón trae de América a enfermidade dos mil nomes. Axiña se estende por toda Europa. Alguén tiña que ser. Tamén nós levamos outras que alí non padecían.

_Esa é unha historia sabida _di de súpeto o médico da expedición _. Os que se descoñecen son os nomes dos treponemas patóxenos.

_¿Os treponemas pátoxenos? Nin idea. Non frecuento os concertos.

Pero non, non eran uns novos músicos, senón vellas enfermidades. Segundo dixo o médico, os treponemas eses eran tres e chamábanse pian, sífile… e ¡pinta! ¡Pinta como o barco! Martín Alonso estaba predestinado pra coller o mal desde antes de partir.

Tamén, penso eu, ¿a quen se lle ocurriría saír de Palos? O mínimo que podes atopar, coa hixiene daqueles tempos, é un treponema patóxeno que se chama do mesmo xeito que o teu barco.

Pinzón fronte ao mar e de costas á cámara

A Volta a Galicia: 10/ Palacios no Porriño

Domingo, 9 de Mayo, 2010

O Concello de O Porriño, con don Antonio Palacios sentado de diante

Se baixas pola rúa Antonio Palacios de O Porriño, atopas a man dereita o edificio do Concello, sen dúbida o máis orixinal de Galicia, obra do arquitecto Antonio Palacios. Cando a rúa se abre pra xuntarse coas outras, forma a Praza Antonio Palacios, na que está a fachada principal do Concello. Diante dela observamos a escultura de Antonio Palacios, sentado tranquilamente, vendo pasar o tempo e a xente que estarrica as pernas entre el e a súa casa natal, na que por suposto puxeron unha placa dedicada a Antonio Palacios. Hai pobos dos que non se pode dicir que se esquezan dos seus fillos ilustres. Por exemplo, O Porriño.

Cando chegamos non había xeito de aparcar. De súpeto aparece un policía municipal e xa pensas que vai sacar de recetario, pero en realidade o que fai é ofrecerse para facilitar as cousas: “Pasen pola zona peonil, fagan as fotos que queiran e cando rematen, marchen por onde viñeron. Nin máis máis, Nin máis menos”.

_Home, así dá gusto. Xa lle direi ao alcalde que lle poña a medalla da Beneficiencia.

Un pouco máis aló, nun parque infantil diante do cemiterio achantaron o templete de granito, ferro e cristal que Antonio Palacios fixo en 1919 pra unha das primeiras estacións do metro de Madrid, a da Red de San Luis. En realidade só está o granito, porque o cristal desfíxose, e o ferro sen cristal quedaba laído.

Moita xente pensou toda a vida que a estación da Red de San Luis se chamaba así porque era un nó de comunicacións do metro, cando en realidade alí houbo unha rede de corda auténtica que servía pra afastar e cubrir o mercado de pan de San Luis, existente ata o século XIX. Tamén moita xente cre que a estación de Palacios desaparece cando reforman a praza en 1972 e non sabe que está no Porriño. Finalmente, outra xente sabe que está no Porriño e quere que volte a Madrid. Hai xente pa tó.

O templete da Red de San Luis, pero no Porriño

Volta a Galicia: 9/ Sanjurjo Badía

Sábado, 8 de Mayo, 2010

Antonio Sanjurjo Badía

Manuel Sanjurjo Blein e Augusto Álvarez-Borrás Massó son o bisneto e o tataraneto de Antonio Sanjurjo Badía, tamén coñecido polo alcume de O Habilidades, home inxenioso, activo empresario e xenial inventor, entre outros mecanismos, dun rudimentario submarino que el chama Portaminas e co que fai unha inmersión na Poza de Guixar da ría de Vigo o 11 de agosto de 1898.

Manuel e Augusto recíbennos cos brazos abertos, primeiro na súa empresa, Funditesa Sanjurjo, herdeira de La Industriosa que funda o seu antepasado, e logo no Museo do Mar de Vigo, onde hoxe pódese ver o submarino de O Habilidades.

Vinte anos antes de que baixe ás augas da ría metido nese cilindro con brazos que era o Portaminas, chega a Vigo Jules Verne cun problema no seu barco. O contratempo fai que o novelista francés e o inventor galego entren en contacto, pois será Sanjurjo quen amañe o motor do Saint Michel III.

Verne xa falara de Vigo nas 20.000 leguas… e o máis probable é que as conversas entre aqueles dous homes inquedos e visionarios mesturen temas da tecnoloxía que fai posibles as inmersións, con relatos fantásticos de cefalópodos xigantes e viaxes ao centro da terra.

Sanjurjo Badía foi moi querido, non só polos seus traballadores, senón por todos os de Vigo, pois foi el quen mellora as condicións laborais, establecendo unha caixa de previsión para asegurarlles un retiro vitalicio e unha paga mínima en caso de accidente. Toda a cidade asiste ao enterro de don Antonio. Coas mesmas, Sanjurjo era moi esixente no traballo diario. Cando se entera de que algún dos seus obreiros perde o tempo lendo o xornal no escusado, argalla unha goteira que cae cada pouco diante da taza, impedindo que se poida ler o xornal, e obrigando a que alí non se estea máis do tempo xusto prás necesidades.

O submarino, ou portaminas Sanjurjo, no seu actual emprazamento do Museo do Mar de Vigo

Volta a Galicia: 8/O xíbaro de Amiudal

Sábado, 8 de Mayo, 2010

Graña con dous dos seus súbditos

Na Hermida, a un quilómetro do Covelo, está a casa da Paula, que non sei moi ben quen foi pero abofé que tería moito do que falar se hoxe vivise.

A casa pertence a Maximino Fernández Sendín, que a converteu no Museo do Pazo da Cruz, porque ten na entrada unha de pedra á que lle falta o brazo esquerdo.

O Museo ten de todo, desde as fotografías antigas da xente do Covelo, ata as de Alfonso Graña, o rei dos xíbaros na Amazonía peruana. Maximino é o autor dunha biografía de Graña, que cando anda pola selva de Iquitos cae nas mans dos xíbaros. Tivo a sorte de que a filla do xefe quedou prendada del e da súa lanzal figura. Dese xeito, en lugar de lle reducir a cabeza como fixeran cos seus compañeiros, a Graña só lle reduciron a soltería porque casou coa princesa e chegou a rei cando morre o seu sogro. O que eu digo, unha vida do máis común.

Graña nace en Amiudal e Maximino quere facerlle alí unha casa-museo. O que pasa é que hoxe en Amiudal só hai catro pedras mal postas que para as facer museo habería que traballar arreo e envestir a cuarta parte da ficha de Cristiano Ronaldo, sen agardar o rendemento que dá o portugués.

Nunha mesa da entrada da Hermida hai dúas pistolas ferruxentas da época dos mouros. Maximino sostén que a casa da Paula foi asaltada pola banda de Pepa A Loba, e daquela os seus habitantes se fixeron con armas pra se defender, se regresaba a tropa.

Non sei se A Loba baixou tanto Galicia adiante, ou se houbo máis dunha loba como manteñen os que diso saben. Xa o comentarei co Carlos González Reigosa que é o quen ten máis coñecementos desta muller.

Maximino, que non estaba, deixounos de agasallo o seu libro sobre Graña onde vén a súa ventura polo mundo. ¡Rei dos xíbaros! ¡Máis cá Belén Esteban!

Cabeza existente no Pazo da Cruz

Volta a Galicia: 7/Delio de Ponteareas

Sábado, 8 de Mayo, 2010

Placa na casa natal de Delio

No Concello de Ponteareas tiñamos unha cita con Pedro Delgado pra falar de ciclismo. Cando estivemos de diante do personaxe, díxenlle:

_Oes, tí non es Perico Delgado, que ben o coñezo eu de saír pola tele.

_Souno, aínda que non o que ti te imaxinas. Eu só subo os lagos de Enol en coche.

Os científicos querían botarlle unha ollada á casa onde nace Delio Rodríguez, un dos grandes ciclistas galegos, con permiso de Pino, Blanco Villar, Pereiro ou Mosquera, entre outros. Dese xeito fumos canda Pedro Delgado pola rota de Delio por toda Ponteareas e mesmo achegámonos a unha rotonda onde ergueron un monumento aos biciclistas que vai inaugurar este sábado o Miguelón Indurain, recén chegado de Pamplona, un pobo que hai a carón de Villaba.

O Xocas bota alí unha parrafada subido a un saco de pedras mentras pasan os conductores e pasman coa escena.

Logo de rematar con Delio, o director quixo saber de Manuel Domínguez Benavides, tamén natural de Ponteareas e de quen dixo que era o autor de dous dos libros máis polémicos da historia recente de España, o Galicia Mártir, que foi ilustrado por Castelao, e o que titula El último pirata del Mediterráneo, sobre Juan March.

Mónica, que é a bibliotecaria de Ponteareas, acláranos que non está confirmada a autoría de Benavides no primeiro dos casos.

_Xa, pero ten todas as papeletas _ insiste o director, que non quere perder o guión que trae preparado.

O Museo Municipal está instalado hoxe na fábrica de curtidos Garra, da que se conserva un pozo que lles servía para os seus traballos. Tamén hai unha xigantesca pía bautismal de santa Locaia de Guillade, que hai ser a maior de Galicia, ou a segunda.

A visita remata con fotos a outros ilustres, como Bouza Brey, Soutullo, Rogelio Groba e Vidales Tomé.

 

O pólémico libro de Benavides

Volta a Galicia: 6/No porto de Vigo

Sábado, 8 de Mayo, 2010


O barco semellaba unha cidade enteira

Cando chegamos a Vigo xa estaban os dous trasatlánticos no novo peirao do porto. Outos coma dous Obradoiros, longos coma a praia da Lanzada, cheos de ventás coma as galerías da Coruña… dito todo sabendo que facer comparacións entre A Coruña e Vigo, pódenos custar un conflito.

A partir de agora van baixar en Vigo non sei cantos miles de turistas cada vez que veña un destes buques, que son coma se colleran a todos os de Mondoñedo e os levaran de excursión polo mundo adiante.

En A Laxe, que é o centro comercial do porto, entrou un pai con seu fillo para ver os barcos. O pícaro, se cadra porque colleu medo polo tracatraca do ascensor, meteu a man nos ocos da porta e quedou atrapado nela sen que o pai fose quen de ceibalo. Como o neno dá en chorar coma cando un dianteiro erra un penalti, e como o pai quedou paralizado sen facer nada, pensamos que se alguén chama entón ao ascensor, pódense pechar as portas e marchar co neno collido dando tombos de piso en piso.

Daquela aparece un vixiante do centro que sen sequera ollarlle á cara ao neno, colle as dúas follas do aparello e facendo como fixo Sansón no templo dos filisteos, libera a criatura no tempo que custa dicir amén, ou así sexa.

Trinta minutos despois o pícaro seguía a berrar, pero todo o mundo felicitaba ao vixiante: “A este home habería que facelo ministro. Hai que ver como resolveu a crise”.

Saímos do centro comercial e achegámonos a estatua de Julio Verne, unha que lle pagaron as Mulleres Empresarias por falar do tesouro de Rande na súa novela das 20.000 leguas da viaxe submariña. É un traballo macanudo do vigués José Molares, no que tanto o novelista francés coma o polbo saen cuspidiños. Como dixo o Xocas, “estas esculturas nas que se entende todo son as que máis me gustan porque non precisan tradutor”.

 

Verne, no porto

Volta a Galicia: 5/Falar cos mortos

Viernes, 7 de Mayo, 2010

San Xulián

En Pontecesures era festivo, celebraban a festa da lamprea e por riba, abría as súas portas a feira do coche usado e de ocasión, que é a máis vella de España, porque a dous veciños deulles por ir a Alemania nos anos vinte e viron que alí vendían os autos despois de os usar un tempo, para que outros os usaran outro pouco, e así sucesivamente.

Con tanta celebración non estaban os veciños pra que lles foramos con moitos requilorios, pero non por iso iamos deixar nós o noso roteiro.

Chegamos á igrexa de San Xulián onde comezaba unha cerimonia. Un cartel avisa á rapacería: “Prohibido xogar ao fútbol”.

_Como se poñan os pícaros, adependren o rugby e deixan a praza sen cristais _ comenteilles aos colegas.

O director pregunta a un dos cristiáns que agardaba alí pola cerimonia se sabía cal das dúas torres fora financiada polo doutor Otero Acevedo, e o tipo contestoulle con outra pregunta, como moi da terra:

_¿Vostede cre que un home das ideas de Otero Acevedo, masón, espiritista, esotérico, que di falar cos mortos… ¿vai meter os seus cartos en amañar a torre dunha igresa?

_Eu non creo nada, eu repito o que lle lin a Borobó, que é o notario da intrahistoria de Pontecesures. Aínda máis, Borobó di que foi o propio Otero quen botou a faltar a cruz coa que se rematan as torres, e que tirou do seu peto para pagarlle a un obreiro que a subira pendurada do lombo.

_Iso é cáseque imposible.

_Non se crea _ díxenlle eu _. O doutor Otero falaba cos mortos todas as mañás. Logo ía á consulta a falar cos vivos, e pola noitiña, viña á igrexa a falar cos santos.

Fixemos as fotos e deixámolo así, porque se seguimos coa teima, o bo do médico ía pagar sobrecargo de tanta conversa inalámbrica.

Na feira dos coches había Porsches a esgalla. Non preguntei prezos porque son de natural modesto.

Homenaxe pétreo en Pontecesures aos creadores da feira do coche de ocasión

Volta a Galicia: 4/ Madrid – Pontecesures

Miércoles, 5 de Mayo, 2010

Rúa de Otero Acevedo en Pontecesures

Era o último día en Madrid e o traballo levounos ata a rúa Pelayo. Ben crin que foramos facer algo da Reconquista, pero os colegas do cientificismo explicáronme o motivo. Segundo dixo o director, resulta que alí vivía o doutor Otero Acevedo, que é un dos tipos máis pintorescos, inquedos e descoñecidos da Galicia de finais do XIX. Entre outros negocios, este home nado en Bos Aires e vencellado a Pontecesures foi o pioneiro da neurociruxía española e seica operaba o nervio simpático cervical coma quen lava. Pois ben, neses anos o gachó andaba moi encerellado co espiritismo, a hipnose e todo a que tivese que ver co choio de falar cos mortos, coma lle ensinara a médium Eusapia Palladino. O caso é que alí, na rúa Pelayo, Otero fixo un experimento que manda truco na Habana. Colleu un amigo co que xa fixera sesións de hipnose, durmiuno e díxolle que fora voando ata Compostela. Unha vez alí tiña que buscar polas rúas a Valle Inclán, que daquela aínda non publicara as ‘Femeninas’, tiña que seguilo durante unha hora e logo tiña que vir voando outra vez a Madrid a contarlle todo canto vise. E así foi. O amigo de Otero entra en éxtase e volve del ao cabo dos sesenta minutos. Esperta e cóntalle que atopara a Valle nunha librería da rúa do Vilar, onde foi logo, e todo o que acontece no tempo da viaxe astral. Con esa información no seu poder, Otero fala con Valle e repítelle paso por paso o que fixera aquel día. Don Ramón quedou dunha peza e durante toda a vida mantivo o seu interese polos espíritos e os aparecidos. Escoitando a historia do director, din en durmir recostadiño no asento de atrás, e cando volvo no meu ser e abro os ollos, diante do vehículo había un cartel que puña: «Pontecesures. Provincia de Pontevedra». ¿Vivira eu unha metensicose?

Pontecesures a coloríns

A Volta a Galicia: 3 / Pontejos da Coruña

Domingo, 2 de Mayo, 2010

Os Almacéns Pontejos, a pleno rendimento

Xa me dixera a muller que se tiña tempo non deixara de ir a Pontejos en Madrid pra mercarlle unhas chilindrinadas das que se poñen nos vestidos pra facelos máis repolludos. Ela sabía que Pontejos era a capital da mercería. O que non sabía era que o tal Pontejos fose un galego da Coruña. Cando llo diga, vai dar un chimpo e caer de costas, porque anda todo o día que se en Pontejos hai isto, que se en Pontejos hai o outro…

O documentalista que levamos canda nós na expedición díxome que o coruñés era vizcaíno. Quero dicir, que o coruñés chamábase de nome de pía Joaquín Vizcaíno Martínez, e que casara coa marquesa de Pontejos, a mesma que pinta Goya dentro dun miriñaque que debeu levar o premio á prenda máis relambida do século XVIII.

A probe morre pouco despois da voda e o galego queda tan tristeiro, que no lugar de facerse chamar Marqués de Pontejos, como lle corresponde polo casamento, manda que lle chamen Marqués Viuvo de Pontejos, que é o nome da praza onde puxeron a capital mundial das mercerías.

Entramos no Almacén de Pontejos que hoxe levan os sucesores de Antonio Ubillos e falamos cunha das propietarias. Aquilo estaba máis cheo que cando reparten marisco gratis no Grove. O Xocas preguntoulle se notaban a crise e ela dixo que sí, que a notaban pero porque cada día viña máis xente a mercar cousas pra facerse traxes, que os feitos de fábrica saían moi caros. Non lle preguntamos máis, porque quedamos co ánimo encollido.

Saímos e fixemos unhas fotos da Porta do Sol, porque viñan a conto, xa que o Viuvo Pontejos foi tamén o último correxidor de Madrid, antes dos alcaldes, e tivo dúas ideas trascendentais. Unha, que os números pares das rúas fosen á dereita, e os impares, á esquerda; e outra, que a numeración das rúas comezase por onde máis preto da Porta do Sol estivesen.

O viúvo Pontejos, a carón da súa caixa sen fusionar