Xesús Mato, un home contra os agoreiros

O crego de Paradela funda Fuxan os Ventos, crea Auxilia e asiste ao nacemento de Radio Popular en Lalín e Lugo

Á XENTE COMO o cura Xesús Mato Mato (Paradela, 1932), que ten todo un libro de homenaxe no que cen-amigos-cen falan del, resulta imposible sacarlles unha anécdota orixinal. O del chámase Mato sono io…, e foi coordinado por Xulio Xiz. Tiramos a anécdota do seu título.

Conta Mero nel que estando en Roma, o crego se retrasa uns minutos, polo que algún do grupo comeza a preguntar onde está Mato. Como matto en italiano é tolo, os romanos pensan que falta un viaxeiro que está mal da cabeza, ata que aparece e di: Mato sono io…

O seu berce é Cabo de Vila, na parroquia de San Martiño de Castro. Fillo de labregos e neto dun mestre de ferrado que cobra en gran os coñecementos que imparte.

Alí vai a escola desde os 5 anos cos seus seis irmáns e dalí marcha para seguir estudos no Seminario de Lugo, do ano 1946 ao 1958. Conta que rompe a ler na etiqueta dunha botella de viño reconstituínte Sansón. Se cadra o primeiro que Mato le nesta vida foi: “Sansón es una bebida singular, suave, dulce, aromática y muy versátil”.

Logo, ata 1967, é coadxutor en Lalín, cando se fai técnico de radiodifusión y redactor en Madrid. Créase a COPE e él será o encargado de facer a emisora de Lalín por encargo do bispo Ona de Echave.

Como Mato é como é, en Lalín crea tamén unha polifónica e un grupo de teatro. Logo volve a Lugo para ser o home da igrexa en Radio Popular. Ofrécenlle a dirección, pero prefire manterse á marxe desa responsabilidade.

En 1983, chega o seu nomeamento para varias parroquias do Cebreiro e O Courel _ Liñares, Hospital da Condesa, Padornela, Fonfría e Teixeira _, e unha morea de actividades, algunhas xa iniciadas, no ensino, na música, no estudo, no galego, na acción pastoral e no xornalismo, entre elas, unha prolongada colaboración nas páxinas dominicais de El Progreso.

Vive en primeira persoa a chegada do galego á liturxia e no ano 1968 dá os primeiros pasos do que será a súa obra máis coñecida, a fundación do grupo Fuxan os Ventos, co gallo dos concursos de panxoliñas da Sección Femenina, a través do colexios Santísimo Sacramento, feminino, e Eijo Garay masculino. “Un Nadal _ conta no seu día a Sabela Corbelle _, convidei aos rapaces que viñesen cantar coas pequenas. Cantáronse panxoliñas en galego e tamén en castelán e de aí saíu Fuxan e tamén o espectáculo Galicia canta ao neno, en 1972”.

Dúas cancións do grupo _ Fuxan os Ventos e Mencer _, son obra do fundador. A mili de Mini e Mero interrompe a actividade musical, pero logo virán O tequeletequele, Galicia canta ao neno, Sementeira e Quen a soubera cantar, Saraibas…

En paralelo hai outro Mato dedicado ao apostolado e á creación de Auxilia no ano 1970, a favor dos discapacitados físicos que tivo unha gran trascendencia e da que será o seu primeiro coordinador. “Cambioulle a vida a moita xente que, ata daquela, vivía condenada a quedar nas casas”.

Así mesmo é coautor dos libros Galicia canta ó Neno e Por un Lugo sen barreiras. Entre outros, recibe os premios e distincións de Lucense do ano (1991), V Premio Moncho Valcarce (1998), de Cultura Tradicional de María Castaña y de xornalismo no Nadal de Begonte (2009).

Na última etapa, Mato coida de dúas irmáns maiores que viven en Portomarín, onde comezara a súa preparación para o Seminario. O concello de Paradela noméao Fillo Predilecto en 2005 e o de Portomarín prepara unha distinción similar.

No ano 2018 chega a concesión da Medalla Castelao, que recoñece todo o labor desenvolvido.

Comenta