Propias de Rey Barral
Rey Barral co chapeu, por Pellicer
O mecánico coruñés Francisco Rey Barral, nomeado logo delegado de Traballo por Pedro Sangro y Ros de Olano, era un conversador tan fabuloso coma Cunqueiro, segundo lembra Fole.
Rey conta sucesos difíciles de crer, pero tamén os protagoniza. Durante unha época o home é acosado por un axente de seguros que quere venderlle unha póliza como sexa.
Desde a ventá da oficina o tipo ve que o axente está a piques de entrar, polo que Rey sae correndo a outro despacho:
_ Dille que non estou! _ ordena a un funcionario.
O da póliza entra, pregunta por Rey y recibe a contestación acordada. Entón bota unha ollada e descobre o seu chapeu pendurado do percheiro.
_ Como que non está? E logo non é ese o seu sombreiro?
O argumento é definitivo, porque Rey non sae sen el á rúa. Daquela escóitase a súa voz desde o despacho no que se agocha:
_ Non sexas burro, ho! Acaso non sabes que teño dous sombreiros?
-0-
Naqueles tempos os banquetes eran o acto social por excelencia. Aínda hoxe subsiste unha tendencia natural cara ao banquete, pero os de entón tiñan o engadido fixo dos discursos aos postres fose polo motivo que fose.
Por suposto, por unha razón ou outra, Rey Barral asiste a un banquete diario.
Farto de escoitar oradores que non teñen límite de tempo no uso da palabra _ algo así como a verborrea interminable nos premios Goya _, Rey Barral comenta aos seus amigos a necesidade de que todos os banquetes conten coa figura do cronometrador, un home que estaría sentado a carón dos que falan, dotado dun saco de perdigóns.
A medida que pase o tempo, ou que diga tonterías, o cronometrador énchelle os petos con chumbo, e cando leve neles cinco quilos, cae sentado.