Dous fotógrafos
Unha novela de Solá
O fotógrafo Ksado, ou sexa, Luis Casado Fernández, é autor de moitas imaxes de Galicia na primeira metade do século XX.
Aínda que nado en Ávila, pasa toda a súa vida profesional en Ourense, Santiago e Vigo. Sendo veciño desta última cidade, un día ten que viaxar a Madrid.
Contan os que foron testemuñas da súa marcha na estación do ferrocarril que o fotógrafo leva dúas maletas. Nunha tiña pegado un cartel que puña: “Ksado. Hotel Palace. Madrid”, e na outra, un papel do mesmo tamaño onde se lía: “Id. Id. Id”.
-0-
O xornalista vigués Jaime Solá é lembrado especialmente polos trinta anos nos que foi director de Vida Gallega, antes de que Xosé Iglesias Presa se fixera con ela e a trasladara a Lugo.
Durante ese tempo Solá escribe e fai fotografías alí onde vaia. Moitas delas están publicadas na citada cabeceira. Para conseguilas ármase de cámara e trípode, imprecindible naqueles tempos para facer unha boa instantánea. O seu trípode viaxa no seu correspondente estuche negro, o máis reducido posible.
Unha tarde Solá pasea co seu instrumental por unha cidade de América cando observa que dúas persoas apuran o paso para achegarse onde camiña el. Nun principio Solá tamén apreta a marcha, por se as moscas, pero finalmente para e deixa que lle den alcance, porque non teñen pinta sospeitosa, máis ben todo o contrario.
Cando xa están a poucos metros, observa que eles tamén se paran, e entón a curiosidade fai que lles pregunte:
_ Desexan algo?
_ Nada. Seguirlle os pasos.
_ A min? Por que?
_ É que ímos ao concerto e non sabemos onde é. Pero con seguir o camiño do frautista, non temos perda.
Solá comprende a confusión e trata de remediala.
_ Síntoo, pero non é unha frauta. É o meu trípode.