Franco pescado
Pescando ou pescado
A terceira parte dos contos sobre Franco son falsos, outro tercio son interesados polo seu aparato de propaganda e queda outro tanto para os auténticos.
O que vén de seguido ten de todo.
A xente di que o redactor de El Progreso, Juan María Gallego Tato, é chamado a declarar polo Xulgado no expediente aberto contra el por publicar unha información titulada “Yo vi pescar a Franco”, en contra da tese oficial de corrección lingüística que manda poñer “Yo vi a Franco pescando”. O propio Hortas vaino recoller nun dos seus libros.
Segundo eses comentarios, o titular de Gallego Tato suxire ao lector que Franco pode “ter sido pescado” por alguén. Algo así como o “durmido” e o “durmindo” de Cela.
Non hai tal. A información a que fai referencia todo o anterior titulouse “He visto a Franco pescar en Asturias”, e aparece asinada por un misterioso V.M. nas páxinas de La Vanguardia o 5 de abril de 1964.
O realmente curioso do caso é que tanto La Vanguardia como El Progreso publican esa crónica espontánea e case anónima, o mesmo domingo de abril, cunha pequena modificación, xa que en Lugo o título foi “Yo he visto pescar a Franco”.
Daquela, cando o xefe do Estado ten cumpridos os 71 anos, moitos comentan que xa non vai ao río, que só baixa cinco minutos. Posa para as fotos do retratista oficial, Campúa, e volve ao Parador de Ribadeo.
Pola contra, V.M. asegura que en Ribadeo saben que pasa dez horas metido no Eo. Pero a crónica da que falamos ben pode ser falsa, é dicir, non porque Franco non estea ese tempo no río, senón porque V.M. non é un espontáneo admirador. Son os servizos de prensa de S.E., que a envían aos dous xornais sen agardar que un a publique e outro a recolla. É dicir, ao contrario do rumor contra Tato.