Noriega e Kurt Cobian

Cándida Fernández Noriega (esquerda) e unha amiga portuguesa

Durante anos Antón Noriega Varela mantén co norte portugués unha relación intensa e fraternal, tanto pola súa amizade con Otero Pedrayo, como polo seu admirado poeta Teixeira de Pascoaes, a quen visita en Amarante.

A escola de Trasalba, onde Noriega dá aulas, está presidida por un retrato do vate portugués cos aditamentos indumentarios dos estudantes de Coimbra, cando din que é coñecido como O Teixeriña de Pascoaes.

Precisamente en Coimbra ofrecen un banquete a Noriega e a súa filla Cándida. Logo dos abondosos discursos dos organizadores, cheos de frases pomposas, con gabanzas inesgotables e méritos superlativos, moi ao estilo da terra, toma a palabra Noriega e di a súa filla:

_ Candidiña, eu non sei como corresponder a tantas atencións, a tantas louvanzas, como estes excelentísimos señores dedicaron ao seu humilde servidor. Pero temos que facer algo… Si, imos cantarlles a dúo o valse das olas.

E á orde do pai, os dous arrancan cos versos do mexicano Juventino Rosas, para asombro dos comensais:

_ Sobre las olas un barco va / Sobre las olas un barco va…

Un dato para os fans. O valse das olas, de título orixinal Sobre las olas, foi interpretado por The Latin Brothers… con Kurt Cobian nos timbais!

-0-

O sabio compostelán José Rodríguez Carracido, pai da bioquímica española, era unha auténtica eminencia, pero non en todos os eidos.

Cando remata o XIX, superado o seu ecuador vital, matina que daría un bo deputado polo distrito da súa cidade natal e pídelle axuda a Cánovas del Castillo, de quen obtén esta resposta:

_ Vostede quere dicir que lle gustaría ser deputado por Santiago de Cuba, porque por Santiago de Compostela, o deputado é don Eugenio Montero Ríos…

Como dicindo, toleou, señor Carracido?

Un comentario a “Noriega e Kurt Cobian”

  1. santiago noriega

    Cómo neto de Noriega Varela, coñecía a anécdota do dueto, pero recoñezo que me parece xenial o paralelismo o título do artigo (o cal espertou inmediatamente a miña curiosidade) ligando a Noriega con Cobain. Bravo!!

Comenta