O número 13

Sánchez Mejías chora ao seu cuñado Joselito

Ortega convalece no Hospital Santa María de Lugo das súas feridas. Non poderá asistir aos funerais do seu irmán Matías, nin moito menos, cumprir o compromiso de tourear na praza de Manzanares o inmediato 11 de agosto. Domingo González Mateos, Dominguín, o seu apoderado, pensa que a mellor solución para os seus intereses e para os dos afeccionados manchegos de Manzanares é solicitar ao seu outro toureiro de campaíñas, Ignacio Sánchez Mejías, que acceda a substituílo.

O matador sevillano reincorporouse á actividade taurina esa mesma tempada, logo dun período afastado dos cosos no que foi, por exemplo, presidente do Real Betis Balompié, o club de fútbol da capital andaluza. O caso é que Ignacio non recibe con ledicia a encomenda. Está en Huesca a piques de participar noutra corrida e di a Dominguín que non irá a Manzanares. Pero participa no festexo e muda de opinión. Accede a repelo ante a proposta, porque Dominguín é o seu apoderado e Ortega, o seu amigo.

Ignacio chega ao parador de Manzanares e alí instálano no cuarto número 13 que xa estaba reservado para o ferido. Comentará que non lle gusta o número, pois aínda que é home cultivado e lido, tamén é toureiro, e moitos deles, quérase ou non, viven presos das supersticións.

Xa noutras ocasións caera na conta de que as letras dos seus apelidos suman trece, y se cadra, cando deixa á súa familia polo amor de La Argentinita, tamén repara que o nome da artista leva o mesmo número de letras, como o de Domingo Ortega.

Ignacio nunca deixou o seu matrimonio con Lola Gómez Ortega, irmá do seu amigo Joselito, pero agora mesmo vive outra relación coa xornalista francesa Marcelle Auclair, que escribirá as biografías de dous españois, a de santa Teresa de Xesús e precisamente, a de Federico García Lorca.

Comenta