A curva da Retorta

De Vega Barrera, con Dámaso Berenguer na inauguración do Hospital Santa María

Regresamos á praza coruñesa. Cando remata a corrida, os toureiros coñecen o acontecido co espectador. Belmonte intúe problemas coa Xustiza e a Domingo agárdao unha nova máis desagradable aínda. Comunícanlle que vén de morrer en Madrid o seu irmán Matías López Ortega, de 23 anos. Van dous mortos e dous feridos.

Como non tiñan previsto o regreso ata o día seguinte, o matador solicita entre as súas amizades galegas un automóbil para saír axiña que teñan feitos os vultos. De contado se lle ofrece coche e chófer. Con Domingo irán o seu cuñado Paco Caballero, comandante de Cabalaría; Domingo González “Dominguín”, pai de Luis Miguel e apoderado de Ortega e mais de Ignacio, e o banderilleiro Salvador García.

Cando o vehículo cruza ás présas a provincia de Lugo, sendo xa de mañanciña, perde a dirección e sae fóra da curva da Retorta, un treito de moita sona na antiga estrada nacional, entre Baralla e Becerreá, a curva da curva. A prensa española fala do accidente, pero ningunha cabeceira atina a escribir ben os tres topónimos, bastante sinxelos por outra parte. Daquela os lectores coñecen tres novos lugares de Lugo, Retorte, Borella e Bocerca.

Caballero resulta con gravísimas feridas que lle causan a morte as dez da mañá do día 7. Domingo Ortega e Salvador García non poden seguir viaxe e son ingresados no Hospital Santa María de Lugo, que xa leva catro anos aberto, despois dun longo proceso construtivo que ocupa toda a década dos vinte. Van tres mortos e catro feridos.

O cadro médico do hospital lucense, dirixido por Rafael de Vega Barrera, estaba formado tamén por Luis Vázquez Fernández Pimentel, Luis García Acebal, Marcelino de la Fuente Cela, José Lomas Díaz, Jesús Latas Folgueira, Leopoldo Gasalla e Ricardo López Pardo.

Comenta