Nace o verduguillo

Fortuna entra a matar na Gran Vía

A morte de Roig Roura leva a incoar un sumario no que se acusa a Juan Belmonte de homicidio por imprudencia. Naturalmente, a causa queda sobresida o mes de outubro daquel mesmo ano de 1934, entroutras razóns, porque o causante inmediato da morte do concelleiro non foi o matador, senón o touro.

O accidente aconsella tamén que o Goberno modifique o regulamento taurino, prohibíndose a partir desa data que se utilice o estoque de matar para o descabelo. A tal fin, o propio 17 de agosto as autoridades convocan un concurso de ideas para solucionar o problema. No prazo sinalado preséntanse ata 46 modelos de estoques, dos que 38 son rexeitados nunha primeira selección.

Os oitos restantes pasan a unha proba final que se desevolve no matadeiro de Madrid o 27 de novembro. Os encargados de escoller o modelo máis axeitado son os matadores Fortuna e Pepe Bienvenida, así como os novilleiros Finito de Valladolid, Chavito e Jesús Santiago.

Desde o ano 1928, Fortuna, alcume do vasco Diego Mazquiarán Torrontegui, foi coñecido tamén como o Toureiro da Gran Vía, porque nesa rúa madrileña, cun estoque improvisado e un abrigo, mata un touro que foxe do rastro. Fortuna recibe anos antes a alternativa tendo como testemuña ao toureiro lucense de Láncara, Alfonso Cela, Celita.

O vasco e os seus compañeiros coinciden en que o modelo presentado por Vicente Pastor, ex matador de touros, é o que mellor resposta ás necesidades do descabelo sen riscos. O elixido segue hoxe vixente co nome alternativo de verduguillo. Desde entón non se rexistra ningún accidente similar ao da Coruña.

Mañá regresaremos ao que acontece cando remata a corrida.

Comenta