Touro mata espectador

O estoque

O estoque de Belmonte, impulsado polo movemento do touro, colle altura e dá voltas ata o asento que ocupa Cándido Roig Roura, concelleiro noiés, seis filas máis aló da barreira, coa mala fortuna para o espectador de que lle entra polo tórax, atravesándolle o pulmón dereito. Como recollerá horas máis tarde o parte médico de Marineda, “mortal de necesidade”.

Pero aínda ferido desa gravidade, Roig é quen de arrancar a arma do seu corpo e malia a súa desesperación pola dor, guindala de novo o máis lonxe que pode. Puido pouco, pero o suficiente como para que aquel estoque sedento de sangue ferise a unha segunda persoa, que resulta ser o colaborador de El Ideal Gallego, Carlos García Puebla, sentado preto do home.

Os sanitarios chegan onde están os espectadores feridos e os trasladan ata a Enfermaría da praza. Cándido Roig morre alí ao pouco de chegar. Aquela tarde, o parte médico recolle o que nunca outro antes fixera: un espectador morto por estoque; outro, ferido pola mesma arma; Juan Belmonte, El Pasmo de Triana, asistido dunha distensión ligamentosa no pulso dereito e Francisco Pereiro, mozo da praza, dunha ferida na coxa esquerda, de prognóstico reservado.

Curiosamente a prensa nacional destaca na información do día seguinte as faenas dos respectivos matadores e case todos os xornais informan do accidente de Cándido Roig como unha información á marxe. Só o correspodente en España do New York Times soubo expresar no titular toda a esencia xornalística que tiña o acontecido: “Touro mata a espectador con estoque”. Tamén The Daily News destaca a corrida coruñesa por onde había que facelo, se atendemos aos principios de que unha nova é unha novidade, e canto más novidade sexa, máis nova será.

Comenta