O 6 de agosto de 1934


O escenario

Voulle contar unha tráxica historia da que seguramente ten escoitado falar por cachos, pero nunca deseguido _ anuncia Castro.

_Sempre estou aberto ás novidades.

_Imos necesitar varios días. Daquela, póñase comodo.

_Xa o estou, moitas grazas.

_Cándido Roig Roura é un armador de barcos de Portosín e concelleiro en Noia. Ten 38 anos, unha muller, cinco fillos e unha gran afección polos touros, de tal xeito que desde hai días leva no peto unha entrada da fila sexta para a segunda corrida da feira de agosto que se celebra na praza coruñesa de Marineda polas festas de verán. O coso do arquitecto Juan de Ciórraga está no ecuador da súa vida activa, pois aínda formará parte da paisaxe da cidade ata 1967, cando foi derrubado nunha polémica decisión municipal.

O cartel daquela tarde do 6 de agosto de 1934 é dos que fan historia, aínda para os que non son grandes seguidores da festa: Juan Belmonte, mestre indiscutible; Domingo Ortega, camiño de selo e Ignacio Sánchez Mejías, artista na praza e intelectual fóra delas, que regresa con algún quilo de máis movido pola necesidade. Os tres matarán seis touros dos Irmáns Escudero Bueno, os gandeiros que se fixeran hai pouco cos animais do marqués de Albaserrada.

Belmonte sofre unha collida sen consecuencias e logo desenvolve unha faena “entre música e olés”, como recollen os cronistas do evento. Logo, un pinchazo e media estocada. O descabelo, que se realiza con espada, non é resolutivo e se prolonga máis aló do desexable. Por un intre, o estoque queda prendido na cerviz do animal, solto das mans do toureiro. O bicho cabecea e a arma sae voando e dando voltas polo aire ata o asento 34 da fila sexta do tendido 1 que ocupa Cándido Roig Roura.

E neste punto rematamos a historia por hoxe.

Comenta