Lugo de novela

Hijo de la niebla

Castro aporta máis casos do seu libro Aparicións esporádicas do topónimo Lugo na literatura popular, foránea e contemporánea.

_Na novela Turno de noche, de Miguel Ángel Carcelén Gandía, un dos protagonistas ten un Ford Fiesta matrícula de Lugo.

_E como o interpreta?

_E como quere que o faga? Pois como o tipo non é de Lugo, tivo que mercalo de segunda man!

_Xa me decato. E que máis?

_En El valle de las sombras, asinada por Jerónimo Tristante, sae un soldado de Lugo que é un pouco parvo, é dicir, algo paspán ou papaleisón, como falan os que pisaron sancristías.

_E a interpretación?

_Que hai apaiolados ata en Lugo! Vostede, sen ir máis lonxe, parece un deles; porque mira que fai cada pregunta…

_Non dea detalles. Outro caso?

_Miguel Gómez, en El asesino del fin del mundo, fala da procedencia das vítimas do asasino e di que unha delas é de Lugo…

_(…)

_…e non me pregunta que significa?

_Non, que ten vostede moi mal respostar.

_Pois significa que o autor quere transmitirlle ao lector que as vítimas son dalí e daqueloutro, de tal xeito que fai que unha sexa de Lugo, que é o máis afastado que lle soa.

_É dicir, que somos exóticos.

_Algo así. Finalmente, en Hijo de la niebla, de Francesc Roca i Ferrer, existen moitas referencias a Lugo, pero todas moi ciscalladas. Por exemplo, un dos protagonistas é o párroco de San Francisco Javier que vai rezar á capela da virxen dos Ollos Grandes. Tamén aparece un hospital que se supón o de Santa María, o cal é un anacronismo. Hai unha rapaza de Burela, os protagonistas din “carallu” e as murallas rodean a cidade vella.

_O cal quere dicir…

_Que o autor estivo en Lugo dúas horas, como moito.

Comenta