Lugo por fóra

Luna na Sudamericana

Castro levaba un sorriso de orella a orella.

_Veño de rematar o libro máis breve de título máis longo.

_Explicacións, se non é molestia.

_O meu libro leva por título Aparicións esporádicas do topónimo Lugo na literatura popular, foránea e contemporánea. Voulle dar algúns exemplos. José Luis Martín Vigil, que foi profesor xesuíta en Vigo, na súa novela Cierto olor a podrido, fala dunha cociñeira de Lugo chamada Bibiana, á que lle saen moi ben os flans, o cal quere dicir que, se non coñeceu tal personaxe, no inconsciente do pai Martín aniñou a idea de que en Lugo cociñamos moi ben.

_Interesante. ¿E que máis?

_En Encuentros a lo largo de mi vida, Félix Luna, que morreu hai catro anos, lembra unhas mucamas, ou sexa, unhas serventes da Arxentina; que son de Lugo e que senten morriña da súa terra, o cal non é ningunha novidade, pero que confirma con ollos alleos o que todos sabemos cos propios.

_Hoxe aínda ten sitio para outros dous casos.

_O primeiro. En Carne de trueque, do seu compañeiro da axencia Efe Fernando Martínez Laínez, o autor sitúa en Cuba a un lucense receoso e sórdido, patrón dunha tenda que se aproveita dun rapaz, ao que ten escravizado. Demostración de que se saímos túzaros, podemos selo máis que ninguén.

_E o segundo?

_En Historias de asesinos, tafures, daifas, borrachos, neuróticas y poetas, Luis Antón del Olmet, de quen falamos polo miúdo hai unhas semanas _ o escritor que morre asasinado polo ciumento Vidal i Planas _, fai que dous dos seus protagonistas se dispoñan a xantar un xamón. Un deles di: “Buen jamón, jarape.” Ao que o outro resposta: “De Lugo”.

_Non diga máis: Conversa que fala moi ben dos nosos cochos.

_Certo! Durante anos os máis numerosos de España!

Comenta