Cabazas mortais

A bandeira liberal de Mariana

Mariana Pineda destaca pola súa beleza. Logo de enviuvar, mantén relacións amorosas con varios homes, o que non pode ser ben visto polos membros máis reaccionarios da sociedade granadina.

Sendo así, cabe pensar que Ramón Pedrosa imaxine que non será difícil lograr os seus favores, téndoa como a tiña, collida nunha grave causa.

Na entrevista que celebra coa muller faille saber en primeiro lugar que el é quen de administrar Xustiza ao seu antollo e que ela pode desbotar as angustias que padece, librar da inminente morte e vivir un futuro de praceres e ledicias, mesmo ao seu carón, se accede a satisfacelle a paixón que o devora.

Para que a muller non dubide do seu poder, o lugués emprega unha imaxe que a faga reflexionar sobre o que lle agarda: “Aínda que un reo teña subido xa a metade dos chanzos dun patíbulo, eu podo evitar que morra”.

Pero o único que obtén co seu discurso é unha nova negativa da acusada. Daquel encontro ela sae convencida de que a súa sorte está botada, e quen ve entón a Pedrosa, asegura que leva lume na ollada e que é a viva imaxe da carraxe.

O mes de maio de 1831 ten lugar a execución sen que ninguén a poda impedir ante a incredulidade da propia Mariana, que non comprende como foi posible chegar a esa situación, preparada con minuciosidade por Pedrosa, que non permite que nada o prive de vingarse.

O Alcalde do Crime será desterrado a Filipinas e logo morre en Roma sen regresar a Galicia. Un século despois, cando en 1931 chega a II República, Mariana recibe a homenaxe dos que aínda choran pola súa sorte. Pero como a traxedia sucede en Granada, non faltan persoas que pretendan levala aos altares e busquen milagres na súa biografía.

Comenta