O mociño Afonso

O Gran Capitán

Vén sendo hora de deixar aos gobernadores, pero Castro, que é moi cumprido cos de fóra, non quería dar un paso máis sen telos despachados.

O home está moi satisfeito porque no mes que levabamos de colaboración amañou o caso do mestre Pereira, o alcalde Orozco díxolle que aparecera a placa do Doutor Castro e que estaba camiño de volver á súa rúa, e descubriu, entroutras, que Lerroux tivo unha noiva na cidade e que Luis Ciges fíxose pasar en Lugo por espía alemán. Non está mal para xullo.

Antes de abrir un novo caso que lle dá voltas nesa cachola que ten chea de enigmas, particípame a coda bufa prometida.

Cando o xornalista chantadino Afonso Eiré non é máis que un rapazolo de catorce ou quince anos, comeza a colaborar en El Progreso. Ánxel Gómez Montero, o debuxante, tallista e correspondente do xornal alí, faille un oco para que escriba as crónicas do Chantada. “En galego e con Franco no Prado!”, como di Pucheiro sen aforro de decibelios. Tamén comeza a colaborar na Táboa Redonda que dirixe Fole na época de Bocelo.

_Trouxéralle un artigo en galego e o Fole me dixo que lle derá unha volta. “Xa lla dei”, contesteille. Ah! Pois logo publicámolo. E así comecei.

Afoutado polos éxitos, o mozo Afonso fai como Trillo e vai de El Salvador a Honduras, é dicir, que os seus traballos son cada vez de máis profundidade. Tanta, que nun deles chega a dicir que Gonzalo Fernández de Córdoba, o Gran Capitán, non nacera en Montilla, dentro desa provincia española, senón en Chantada; unha historia, por demais, ben traída, por ser el dos Fernández de Temes, de Chantada, que conquistaron Córdoba, “e claro, chamárono de Córdoba, pero ser era de Chantada”, aseguraba Afonso. (Continúa, por suposto)

Comenta