A calefacción de Otero

Enrique Otero Aenlle inaugura o camino vecinal de San Esteban, na Pontenova

O científico Enrique Otero Aenlle, fóra dos ámbitos propios da físico-química e da farmacia, está absolutamente eclipsado polos cargos públicos que ocupa: alcalde de Santiago, e gobernador civil de Lugo e Salamanca.

_Se cadra é un efecto máis desa pulsión autodestrutiva que nos leva a avanzar con dous pasos adiante e un atrás, como tantas veces se ten dito a partir de Díaz Castro _ comenta o doutor enfurruñado.

E sen embargo, o ribadense foi un home de primeira liña nas súas especialidades, un aspecto que non se deixa ver debaixo do uniforme branco e da tremoia do réxime.

Otero chega a Lugo precedido dunha polémica ben pavera, que diría Fole; pois en Santiago se falou moito e sen aforrar en chistes do seu plan para dotar de calefacción os soportais das rúas Nova e do Vilar.

A idea lévase a cabo mediante uns radiadores que fan máis agradable o paseo por eses empedrados durante o inverno, pois polo verán o percorrido era entre Bautizados e a Alameda. Algunhas rúas de Finlandia están dotadas hoxe coas vantaxes que Otero adianta para a súa cidade, e non é difícil atopar veciños que aínda lembran con mágoa a supresión do servizo, decretada moito antes de comezar a crise actual. Castro intúe que dalgún xeito Otero Aenlle utiliza os seus coñecementos físico-quimícos-farmacéuticos para quentar aquelas ilustres rúas.

Enrique Otero e o catedrático de Becerreá Serafín García Fernández introducen en España a investigación en Físico-Química de Superficies, en concreto, a técnica das monocapas superficiais, de interese para a biofísica. Dese labor pioneiro son continuadoras durante un tempo as lucenses Isabel Sández Macho, actual decana de Farmacia, e Eva Yebra-Pimentel, entroutros.

Comenta