O paxaro do Goberno

O despacho na época de Iglesias Rivera

O despacho dos gobernadores civís e delegados de Lugo era ata hai pouco _ non sei se sufríu cambios _, unha das estanzas públicas onde se conservaba con maior pegada a esencia do poder.

Os mobles traballados por alambicados ebanistas, co escudo lucense na palmeta do respaldo que soporta o lombo de tantos poncios, son mudas testemuñas da chegada das novas tecnoloxías sen que a eles lles atinxa a modernidade.

En tempos de Azcárraga houbo naquela estanza reservada unha pita do monte (urogallo) disecada que recordo ver publicada nalgunha fotografía cando Rivera Manso e Vega pasaban a mañá no despacho, facéndolle unha entrevista ao seu ocupante temporal.

Foi o nome castelán dese animal o escollido por Azcárraga para denominar a un grupo de pintores _ logo medrou a nómina co escultor Puchades _, aos que decide axudar cando ve a súa obra no Ferreirós. Os Urogallos eran Blas Lourés, Cancio Varela, Tino Prados, Gómez Pacios, Estrada e López Guntín. A eles cede un terceiro andar da Praza de Santo Domingo e dá axudas para a compra de material. Un mecenado que fai del un gobernador peculiar, como peculiar foi a su explicación do nomeamento. Pero fóra de Lugo, moitos españois lembran a Azcárraga non só polo Botón, senón por velo sendo comisario do Xacobeo 1976, que entón tiña por título máis exacto o de Ano Santo, no momento de anunciar que o primeiro acto da celebración, o 31 de decembro daquel ano, sería televisado por Eurovisión ¡a toda cor! O nunca visto. Como o Botón de Ancla… en color.

Cando o 30 de xullo de 1985 Azcárraga morre dun infarto na súa finca de Bertamiráns, a El País se lle esquece citar que foi gobernador de Lugo e todos os títulos de toda a súa extensa obra, agás o famoso Botón.

_Así non hai maneira de saír adiante _ bufa Castro.

Comenta