Os dous botóns

Os créditos de Azcárraga, na esquina superior dereita

Se falamos de gobernadores e libros _ di Castro_, teñen que ocupar postos sobranceiros, ao carón dos xa citados _ Andicoberry, Ciges, Armiñán, Precioso, Ferreiro e o ramal dos Bermúdez de Castro, outros dous homes que pertencen xa ao ecuador do franquismo, os catedráticos Enrique Otero Aenlle e José Luis de Azcárraga y Bustamante.

Este último é autor de máis de dúas ducias de tratados sobre dereito internacional marítimo. El corso marítimo é un dos seus títulos máis citados nas bibliografías de todo o mundo, así como outro no que aborda o caso das augas xurisdicionais de Xibraltar.

Pero Azcárraga asina, cando menos, dous títulos que pouco teñen que ver coa súa especialidade profesional. Un é a novela Botón de Ancla, a historia dos gardamarinas de Marín aos que darán corpo no cine Fernando Fernán Gómez e Antonio Casal nunha primeira versión, e o Dúo Dinámico, na segunda, cando ao título se engade o ferro modernista: Botón de Ancla… en color.

Como fixeron noutras provincias españolas, Elena Togores Paramés, a esposa do gobernador, organiza no Cine Paz unha proxección desta segunda versión a favor da Asociación contra o Cancro. Moitas gobernadoras o fixeron, pero ningunha, como dona Elena, era esposa do autor da novela e do propio guión, no que Azcárraga colabora con Ramón Torrado, o director do primeiro Botón, e con H.S. Valdés, o guionista habitual de toda a súa filmografía.

Outro dos seus libros non xurídicos, é La España de cada provincia, un percorrido histórico/turístico con ampla referencia a Lugo, onde xa en 1964 destaca o capítulo gastronómico coa empanada monfortina de papuxas, a lagosta de Rinlo e Burela, o lacón de Sarria, a torta de Mondoñedo e o xamón de toda a provincia.

Comenta