Katiuska, a rusa

José Gómez Posada-Curros puido presumir os tres últimos meses da súa vida de ser o xornalista decano dos de Galicia, grazas a que en outubro do ano anterior morre Trapero Pardo, que lle supera en exercicio profesional.

Agora estamos medio século antes, cando coñece en Lugo a Ramón Ferreiro con quen establece unha boa relación, impensable entre un falanxista e un home de esquerdas.

Tan bo foi ese entendemento que cando Ramón Ferreiro é nomeado gobernador civil de Lugo, ofrece a Posada-Curros a posibilidade de que sexa o seu secretario particular.

Lembraba Posada a súa reacción con estas palabras:

_¿Qué me dice usted? ¡Un rojo como yo, secretario de un falangista! Seguro que tiene muchos voluntarios para eso.

Pero superado o abraio inicial, acepta, e daquela se establece entre ambos os dous un particular entendemento político e de traballo. Algo que polo visto, xa non é posible.

Do tempo pasado a carón de Ferreiro, Posada lembraba con humor, como tiñan que tirar de man esquerda, tanto el como o propio gobernador, para aturar as diarias protestas dun crego, párroco de San Martiño _ esa era toda a identificación _, que acode ao Goberno Civil cos asuntos máis peregrinos que imaxinar se poda.

Para mostra, un botón. Un día o crego viña todo alporizado porque escoitara en Radio Lugo a zarzuela Katiuska, “de ambiente ruso”. ¡Non sei onde imos a parar!

Posada tamén tivo relación cos centros de ensino que promovía Ferreiro con tanta forza. Daqueles tempos citaba a tres alumnos, a José María Carrascal, que chegará a ser colega seu de xornalismo, ao catedrático de Romano, Ángel Latorre, e ao de Belas Artes, Antonio Bonet Correa.

Comenta