Aparece Posada-Curros

Ramón Ferreiro Rodríguez-Lago

Nada máis rematar a guerra, chega a Lugo José Gómez Posada-Curros, que malia ás súas simpatías esquerdistas, salva eses tráxicos momentos cun sinxelo expediente de depuración “por rojo”, do seu posto de arquiveiro no concello vigués.

Segundo relata el mesmo ao xornalista Fernando Ramos, co gallo dun acto que vai presidir nos Maristas o ministro de Educación, José Ibáñez Martín, o sogro de Leopoldo Calvo Sotelo, Posada debe substituir ao relator previsto, ben por unha indisposición, ben por canguelo escénico. O tema a tratar é o humanista Juan Luis Vives.

Posada sae ben librado do envite e ao remate do acto achégase a felicitalo o xefe da Falanxe e futuro gobernador civil de Lugo, Ramón Ferreiro, co que establece unha sinceira amizade de admiración e respecto. Para que no haxa segredos, o vigués entrégalle o documento como depurado e perseguido, e Ferreiro agasállao cun exemplar do seu último libro, La voz del agua.

É o momento de dicir que outros títulos do gobernador son Escalera de color, editado en Bos Aires; Temas vallisoletanos, La mirada abierta, El piloto perdido, Izar e Marinero de guerra, amais da antoloxía citada onte e outros.

O caso é que Ferreiro estuda polo miúdo os papeis de Posada-Curros e poucos días despois chámao para expresarlle o seu pesar polo comportamento dalgúns elementos da Falanxe que actúan dun xeito tan maniqueo, dividindo aos españois en bos e malos. “A Falanxe non pode prosperar con xente así”, lembra a Ramos que lle di como resumo. Aínda así, comunícalle que mentres viva en Lugo pode estar tranquilo, que non será molestado.

Posada-Curros comeza a ver a cidade das murallas como un lugar moito máis acolledor.

Comenta