Destino Viveiro

Manuel Grandes e Fernando Bermúdez de Castro en Viveiro

En 1958, días antes da concesión do Planeta, a prensa publica os finalistas con nomes e apelidos, así como os títulos das novelas sen plicas. Dese xeito os lectores poden saber que nin Julio Manegat, nin Víctor Alperi, nin Torcuato Luca de Tena serán os premiados nesa edición, porque o gañador foi o avogado coruñés Fernando Bermúdez de Castro, con Pasos sin huellas, un home que prometeu non escribir, nin publicar unha liña máis despois do Planeta, e pola conta que leva o seu homónimo Castro, así o fixo.

Aínda que pouco ten que ver coa historia dos gobernadores, Castro non quere pasar a ocasión sen contarlles un episodio do libro, sucedido moitos anos despois.

Manuel Grandes, o irmán de Almudena, a novelista, prepara unhas materias de Dereito na casa familiar de veraneo e para desabafar a cabeza de tanta literatura xurídica, decide coller ao chou un dos exemplares da librería. O elixido resulta ser, por suposto, Pasos sin huellas. Comeza a lelo e Manuel séntese plenamente identificado co protagonista, co que di e o co que lle acontece; polo que non solta a novela ata que a remata.

Anos despois, xa casado, viaxa cun matrimonio amigo a Asturias e Galicia. Ceando, lembra o marabilloso encontro literario que tivera con Bermúdez de Castro e a muller da outra parella exclama abraiada: “¿Fernando Bermúdez de Castro? ¡É o meu tío!” Manuel tampouco sae do seu pasmo, pero moito menos cando escoita de novo á muller:

_¡Mañá chegaremos a Viveiro, en Lugo, e o máis probable é que o meu tío Fernando estea alí e podas coñecelo!

As previsións cúmprense, Fernando está en Viveiro e Manuel Grandes coméntalle en persoa os fíos invisibles que un día guiaron o seu brazo para que fose a dar con eses Pasos sin huellas seus naquela librería de verán.

2 Comentarios a “Destino Viveiro”

  1. Otero Regal

    E o libriño e malo de carallo. Fernando era o tipico cascarrabias e esta enterrado na capela do Pazo da trave que era da familia……

  2. admin

    Xa sabes que os libros son malos ou bos, segundo quen os le. Pregunta polas Sombras de Grey e verás cantas palmas recolles. Por outra banda, a historia de Manuel Grande segue a ser fantástica.

Comenta