O civil que era militar

Os asasinatos de Castillo e Calvo Sotelo na prensa

O presidente de Renovación Española na Coruña, o coronel de cabalaría Ramón Bermúdez de Castro y Pla, foi gobernador de Lugo por dúas veces e está soterrado en Galdo (Viveiro).

Seguir as vidas e milagres dos Bermúdez de Castro é unha tarefa custosa ata para o propio Dr. Castro, que foxe dela dicindo:

_Cando necesite facelo, xa llo pedirei a Eduardo Pardo de Guevara e Valdés, que entronca coa familia por José María de los Dolores Bermúdez de Castro y Pardo, o mesmo que espalla o apelido cara a Viveiro, despois de moitos anos de nacer todos eles en Betanzos. El ten que coñecelo ben. Iso, sen contar outras ramas que chegan á metade das provincias españolas.

_Pois menos mal que non sabe da pegada dos Bermúdez _ dígolle con sorna _, porque daquela remataba a columna de hoxe sen falar do gobernador.

Na súa segunda volta por Lugo, correspondeulle, entre outras obrigas non gratas, a de reconducir os textos escolares empregados durante a República e vixiar a única utilización daqueles que foron bieitos a ollos do rexime.

Unha das súas primeiras ordes, remitida desde Madrid, foi prohibir en toda a provincia de Lugo a presenza nas aulas da Historia del Mundo para niños, de V. M. Hillyer, que aínda hoxe se cita en Pedagoxía por algúns dos seus acertos. Para outra ocasión, ou outras persoas, queda averiguar cales son os principais motivos polos que Hillyer se facía incompatible co franquismo.

Dese tempo, máis ou menos, é o expediente de depuración de Ben Cho Shey, que hai poucos meses formou parte da exposición ao coidado de Xoán R. Cuba. E tamén a coñecida circular pola que se recupera o crucifixo nas aulas, agás nas de Santa María de Chavín, onde o exseminarista Noriega Varela o manten sempre, como rescatou no seu día Alonso Montero.

Comenta