Precioso versus Pepe Benito

Don Artemio casa por dúas veces e ten tres fillos de cada unha das súas parellas, un fillo e cinco mulleres. O varón é Precioso Ugarte, dirixente comunista durante a guerra como militar formado en Moscú, e posterior referente do ecoloxismo español. Manolo Rivas loce entre os seus múltiples premios o “Puro Cora” e o “Artemio Precioso” por méritos xonalísticos.

Non satisfeito co nome que transmite ao seus descendentes, Artemio casa en segundas nupcias cunha curmá, Amelia, de igual apelido, de xeito que as súas tres últimas fillas son Precioso Precioso. Non se debe facer chistes dos nomes, pero estas mulleres tiveron que vivir máis dun.

No perfil biográfico que Precioso Urgarte escribe do pai existen claras contradiccións co que dixemos días atrás, especialmente no relativo ás ganancias de La Novela de Hoy e a utilización de Vidal como escritor de sona, pero xa se sabe que os fillos só poden falar ben dos pais. E por riba, facer negocios non é un delicto nin para un comunista como foi Precioso Ugarte.

Se onte falamos da actividade literaria peor considerada de don Artemio, hoxe Castro quere deixar constancia, polo menos, doutro traballo que complementa a visión que o lector se pode formar do gobernador lucense, pois tamén foi autor de biografías e tradutor de obras francesas, como por exemplo, Belle de jour, de Joseph Kessel, que medio século despois será levada ao cine por Luis Buñuel, coa apariencia de ser unha obra absolutamente moderna.

O seu paso por Lugo é lembrado principalmente por dúas actuacións. Pola súa intervención nun conflito obreiro no que logra o consenso das partes, e polo triunfo, 7/3, da coalición de esquerdas que el forma para as eleccións de febreiro do 36, sen presenza do Frente Popular, único caso en España, e que ao tempo supón a primeira derrota en Lugo de Pepe Benito, aínda que o seu fillo si sae elixido.

Comenta