O sexo segundo Precioso

Novelas de Artemio Preciso

Dentro do que se coñece como obra menor de Artemio Precioso podemos atopar unha colección de títulos suxestivos para a mentalidade da época, na que o sexo discorría por medios moito máis abondosos que nos cuarenta anos seguintes, pero ao mesmo tempo, condicionado a uns escenarios decadentes e moitas veces enfermizos, tal como aparece na obra de Vidal, entre mancebías, cárceres e hospitais.

Precioso, pola contra, leva o sexo aos salón elegantes da xente pudiente de Madrid. Fai lesbiana á muller dun potentado e acomete as máis variadas relacións sen necesidade de baixar a terreos do lumpenproletariat, aínda que nalgunha ocasión non os desbota, se ben é certo que dun xeito tanxencial, coma unha secuencia máis dentro dun plan xeral burgués e acomodado.

Un paseo por algún dos moitísimos títulos que amorea anos antes de combater en Lugo a Pepe Benito, ilustra á perfección o que estamos a dicir: Rosa de carne, Materia somos, La virgen casada, El doctor y su amiga, El crimen del otro, El hijo legal, Por qué engañan ellas, Las rubias del principal, El légamo de la tragedia, El millonario polígamo, Placeres y delitos a bordo, La doble pasión, La muerte de un señorito juerguista, La tragedia del gordo, La verdadera mujer, El crimen de un celoso, Memorias de un médico, ¡Lavó su honra!, Los nuevos ricos de la moral e La que quiso ser libre, o cume do lesbianismo.

O listado, que non elimina outras obras en direccións máis elevadas, pódese completar e estudar nunha coidada edición de Manuel Martínez Arnaldos para a Deputación de Albacete que Castro merca nas costas de Moyano despois de atopala de súpeto nunha das mesas dos libreiros. Como non foi a súa ledicia co achádego que pide que o fotografen do ganchete co libreiro.

Nese libro pódense atopar moitas claves de Precioso que veremos mañá.

Comenta