Facendo pola vida

O Madrid dos vinte é un avesporeiro de bohemios. Son literatos con obra nunhas cuartillas engurradas que gardan no peto e cunha cabeza chea de ideas. Neses anos escribir pode proporcionar inmediatos ingresos, en contra da tradición que en España manda chorar a quen colle a pluma para facer letras e non números. Tamén pasará coa música noutro momento, e coa pintura sempre.

Desa lexión, un número reducido mantén a popularidade e as vendas. Son os consagrados, aqueles dos que de cando en vez din nas cafeterías: “Fulanito vai tirar do prelo outra novela. A segunda deste ano”.

Pero por riba deles hai outro Parnaso integrado tan só por catro ou cinco persoas que son as que editan, contratan, marcan as tendencias do twitter literario, pagan, e a maioría das veces, tamén escriben.

Un deses escollidos polo negocio folletinesco é Artemio Precioso, que reúne todas as características mencionadas e algunha máis, pois cando sucede o crime de Olmet, engade aos labores propios dun editor o de se converter nun turiferario de asasinos co obxectivo non disimulado de facer que as vendas medren como a escuma, nun exercicio que hoxe chamariamos propio da literatura/lixo, pero que, como ocorre coa televisión, proporciona pingües ganancias.

Precioso aínda non é membro do Partido Radical Republicano de Lerroux que o levará, primeiro ao Goberno Civil de Toledo, e logo ao de Lugo ata a chegada da Fronte Popular; pero comparte algunha das características que fan dos lerrouxistas unha especie singular dentro da historia política española. Falando de diñeiro, cando Lerroux padece de ciática, un xornal fai o seguinte comentario xocoso:

_Don Alejandro guarda cama.

_¡Caramba! ¡Este hombre guarda de todo!”

Ese é Lerroux, e por ósmose, ese é Precioso.

2 Comentarios a “Facendo pola vida”

  1. sergio

    Hombre, defender a Lerroux es tarea difícil, dadas sus veleidades. Pero en su partido, al menos al principio, figuró también gente seria.
    Sin ir más lejos, aquí, en Lugo, concurrió para las elecciones del 31 nada menos que D. Rafael Vega Barrera.

  2. admin

    En todas as formacións políticas, como na vida, hai xente moi boa, boa, mala e peor. Mesmo o propio personaxe pode ser as catro cousas en catro momentos diferentes. Se lembro ese crítica a Lerroux é porque viña ao caso e porque seguramente a merece máis dunha vez. No caso de Vega Barrera, o feito de pertencer ao PRR tampouco o fai mellor nin peor persoa.

Comenta