O preso grafómano
Artemio Precioso Urgarte
A pregunta que debe facerse ao coñecer a morte de Luis Antón del Olmet disparado por Vidal ten unha dirección unívoca: Que diantre pinta Artemio Precioso, o futuro gobernador de Lugo e doutras provincias, oficiando de padriño na voda celebrada na Modelo entre Vidal e Elena, a meretriz cuxos favores parecen compartir os dous protagonistas do caso?
Para atopar unha resposta que vaia un chisco máis aló de ver niso un acto de amizade entre colegas de cálamo, que non de tálamo, debemos situar a Precioso Urgarte como director da colección La Novela de Hoy unha década antes de servir á causa lerrouxista con meritorias actuacións políticas nos conflitos obreiros de Lugo.
La Novela de Hoy comezaba a ser un negocio ben cumprido, ao xeito do que conseguirán as novelas de peto a oito pesetas exemplar durante os anos sesenta. Se un home como Vidal, escritor de escasos recursos, pero de contrastada facilidade para se achegar ás masas con historias de amoríos, lupanares, arroutos e coiteladas é tamén o protagonista da mellor das súas historias, pódesen facer tiraxes nunca vistos neste tipo de literatura. E se Vidal escribe en exclusiva para La Novela de Hoy, as contas de Precioso poden acadar díxitos consontes co seu apelido, díxitos preciosos.
Padriño na voda do asasino e protector do escritor durante a curta tempada que vai pasar en El Dueso, non máis de tres anos. Nese tempo, Vidal traballa a cachón, cunha produción tan abondosa que máis que unha condena pola morte de Olmet, semella un retiro subvencionado polo Estado para lle evitar outras tentacións que non sexan as propias da escrita. Vidal recibe, cando menos, dúas mil pesetas mensuais que Precioso faille chegar sorrinte. Con eses cartos, Vidal é o amo do caldeiro, o xefe do Monipodio o organizador das festas que no cárcere se celebran na honra de Venus e Baco.