Precioso padriño
Alfonso Vidal i Planas
Hai sete ou oito anos gravamos unha serie de recreacións históricas con destino a esmadrid tv, a canle municipal do foro. Chamámola Los secretos del gato, e grazas a un dos seus capítulos, percorrimos os lugares da traxedia protagonizada por dous escritores, Alfonso Vidal i Planas, o asasino, e Luis Antón del Olmet, a vítima. Gravamos por dentro e por fóra o Teatro Eslava, convertido nunha discoteca de éxito na noite madrileña, que é onde ten lugar o disparo mortal que acaba coa vida do escritor vasco, recriado para o xornalismo en Galicia e emparentado cos Aznar.
A historia está hoxe ben documentada e relatada en máis dunha publicación, mesmo polo propio Vidal, de tal xeito que bastará un breve resumo para encaixar as pezas.
Vidal, escritor entolecido na bohemia capitalina, mantén relacións cunha prostituta chamada Elena Manzanares, da que Olmet tamén obtivo favores carnais, ao menos na súa condición de muller pública. Ciúmes literarios e amorosos mestúranse para producir distintas consecuencias. Por exemplo, unha novela chamada Santa Isabel de Ceres, que tamén será obra dramática e cinematográfica para que debute nesa arte Aurora Redondo. Non fai falta dicir que esa Isabel da rúa Ceres traballa nun bordel, nin que é o alter ego de Elena.
Outros efectos dos ciúmes son o asasinato de Olmet e a voda celebrada no cárcere Modelo entre Alfonso Vidal e a manceba Elena, organizada como estratexia da defensa para reforzar o carácter de marido enganado do acusado e rebaixar a súa sentenza, como así foi.
Pois ben. A teoría de Castro é que tanto a voda, como as posteriores edicións literarias e cinematográficas de Santa María de Ceres son froito do cacume, non de Vidal, nin da defensa, senón do gobernador civil de Lugo, Artemio Precioso, que foi padriño da cerimonia na Modelo.
El Progreso informou do crime