Ensalada francesa

Esquela de D. Teolindo Soto y Barro

O avó do actor Louis de Fùnes está soterrado en Ortigueira, pero moi poucos dos que visiten o recoleto camposanto mariñán que o acolle poderán certificalo cos ollos, pois a súa sepultura ten a lápida de mármore dada a volta, amais de padecer outras eivas identificativas. Aquilo semella ser unha tumba ao Avó Descoñecido.

Cando fomos visitala para satisfacción investigadora de Castro, acompañounos Xesús, alcumado Cefucho para toda a bisbarra entre Ortegal, Estaca e Grañas.

Grazas a el, vimos o invisible de quen foi, entre outros cargos, presidente do Círculo das Artes por dúas veces. Noutras épocas ben podía organizar o Círculo unha semana Fùnes con tal motivo, pero hoxe os espectadores organizan na casa cadansúa semana cando lles peta.

Foi Teolindo pai dos Soto Reguera. Do militar Cándido e do avogado lucense José, director xeral de Administración, presidente do Ateneo de Madrid entre 1926 e 1930, e deputado liberal por Lugo e Viveiro en sucesivas ocasións. José é quen propicia a presentación de Fernando Pardo Gómez a Gregorio Marañón. Teolindo tamén é pai de Leonor, que nos primeiros anos do século XX casará co sevillano Carlos Luis de Fùnes de Galarza, pai dos seus tres fillos en Francia.

A ascendencia do avó na prole de Leonor é evidente, pois a primeira filla da parella recibe os nomes de María Teolinda Leonor. O segundo será Carlos Teolindo Javier, e só o terceiro, cando a familia semella estar plenamente afrancesada, evita o nome do patriarca e recibe os de Louis Germain David. Este será o coñecido actor e a persoa coa que se pecha o círculo mauppasián, comezado na admiración que Luis de Armiñán avó sente polo escritor francés, pois o segundo matrimonio de Louis de Fùnes,

Jeanne Augustine Barthélémy, é bisneta de Guy de Mauppasant.

D. Teolindo Soto e Leonor Reguera

Comenta