Chegar a Louis de Fùnes


Maupassant emparentado con galegos

O cubano Luis de Armiñán tiña varias devocións literarias. Unha das confesables foi por Guy de Maupassant, a quen lle dedica unha obra. Non é doado descubrirlo porque el mesmo se encarga de facelo con sixilo. Entre as que hoxe serían inconfesables figura a súa paixón polos duelos como método para limpar aldraxes, da que xa ten falado Castro.

O primeiro paso de todo escritor que non quere ser descoberto é achar un nome secreto. Neste traballo hai quen procura non deixar ningunha pista e tira da manga un nome calquera. Por exemplo, cando Almoina quere afearlle a conducta a Trujillo sen que o saiba, escolle o nome de Gregorio G. Bustamante co que asina o seu ataque. Aínda así, é descoberto e asasinado por iso.

O de Armiñán non vai tan lonxe. Castro pensa que se agocha o seu verdadeiro nome nun exercicio anagramista é polos cargos públicos que nese momento ocupa, pero deixando as portas abertas a que calquera poda adiviñar que detrás de “Lusiñán de Mari” está “Luis de Armiñán”, do mesmo xeito que detrás de “Manuel Molina Mera” só pode estar “Manuel Amor Meilán”. Máis difícil de sonsacar sería saber que debaixo do anagrama “Nélida” Piñón está o avó “Daniel”, como fai a escritora brasileira, orixinaria de Cotobade.

Amais de artigos xornalísticos, o pai do gobernador lucense e avó de Armiñanciño asina como “Lusiñán de Mari” dúas obras que semellan escritas por Max Aub, ou Augusto Monterroso: Narraciones rápidas y Cuentos Cárdenos. Efectivamente, a primeira delas, publicada a catro anos de rematar o século XIX, é un anticipo da prosa instantánea de Monterroso.

Outro detalle que apunta Castro: Unha bisneta do seu admirado Guy de Mauppasant vai casar co actor Louis de Funès, neto de quen daquela foi por dúas veces presidente do Círculo das Artes de Lugo, Teolindo Soto e Barros.

Comenta