Curso do 33

Recaséns en Porrúa

A traxectoria política de Luis de Armiñán, dentro da obediencia lerrouxista, non deixa un ronsel para o recoñecemento, senón para as dúbidas e a indiferenza. No caso de Lugo apenas hai unha pegada, agás o que puido ter amañado nas listas para as eleccións de novembro de 1933, onde a coalición de radicais se impón á dereita por 6 a 4, e algún mérito terá nese resultado o mes que Armiñán pasa na cidade.

Entre os electos do bando vencedor atopamos ao Gran Mestre masón, o único nomeado mediante votación no Gran Oriente de España, o chairego Manuel Becerra (Fortaleza, gr 33).

Entre outros, tamén son elixidos nesa ocasión o estudoso do magnetismo terrestre e antigo secretario persoal do propio Lerroux, Ubaldo de Azpiazu; o avogado mindoniense e propietario abadinense, José María Montenegro Soto; o protagonista dunha agarrada co tamén gobernador lucense Artemio Precioso, en pleno Congreso dos Deputados antes de morrer asasinado en Sarria, Manuel Saco Rivera; o alcalde de Lugo por antonomasia, Ángel López Pérez, e o famoso xurista hispano guatemalteco, Luis Recaséns Siches, de inesquecible referencia para todos os estudantes de leis.

_Nunca lin as razóns polas que Recaséns aparece nas listas de Lugo. Seguro que algún lector as coñece e quere compartilas con nós _ dígolle a Castro.

_Eu tampouco as sei con certeza, pero fágolle unha aposta. Recaséns preséntase por Lugo a través de Manuel Becerra, camarada seu nas hostes masónicas, aínda que o catedrático de Filosofía do Dereito, turra máis cara ao comunismo que cara á masonería. Sabe como é considerado Recaséns no 39 polos encargados da Seguridade Interior, ou sexa, polos axentes da depuración?

_Dígao vostede.

_Un “individuo ultra-rojo”.

_¡Caramba! Como dirían hoxe, “non rojo, o seguinte”.

Comenta