A praia dos Armiñán

O parque Pernas Peón de Viveiro

Deixaramos a Armiñán ollando para o Atlántico _ dígolle a Castro por ver se reconduce o tema cara aos gobernadores.

_É certo, pero para non o perder de vista hai que falar agora de Manuel Lemos, un emigrante do Val Miñor, que neses anos regresa a Galicia coa intención de converter a praia de Lourido no segundo gran proxecto turístico galego, o que se chamará Playa América Latina, título campanudo por de máis e logo abreviado e galeguizado no actual Praia América.

Lemos constrúe unha colonia de chalés en primeira liña de praia a semellanza doutras urbanizacións que coñece en América, tal e como foi a iniciativa pioneira nese sentido en Galicia de José Antonio Pernas Peón, o avó de Ramón Pernas, na praia de Grallal de Viveiro, é dicir, a actual Covas, onde Luís Tobío dicía que a nai tiña que tapar ben as carnes cando cambiaba o bañador por mor dos miróns que se agochaban entre as dunas para ver máis da conta ás descoidadas.

Pernas Peón ten un parque co seu nome onde axiña van facer moito estrondo, en clara demostración de que os seus plans para Grallal como zona de descanso e veraneo están obsoletos. E a Praia América de Lemos quere recuperar o vello nome de Lourido. O caso é non parar.

Pois alí, nese Lourido cheo de resonancias arxentinas, merca Armiñán un chalé e alí van uns anos para que Armiñanciño mellore das súas desmedranzas.

Os nomes das novas construcións, lembradas hai pouco por Fernando Franco, falan sen ambaxes da época a un e outro lado do Atlántico: Villa Rita, Villa Mendoza, La Chocita, Pabellón Bleu, Nidito de Amor, Noche de Bodas, La Superiora… E xunto aos Armiñán, outros apelidos de sona: Amado de Lema, Durán, Portanet, Rosés, Kruckenberg, ou Conde (de don Mario), amais de Álvaro de Laiglesia e o tenor Miguel Fleta que morrerá pouco despois en A Coruña, lonxe dos roxos.

Comenta