A vixiada morte de Ortega

Medindo as columnas de Ortega

Facemos un intermezzo orteguiano a solicitude de Castro. Días antes de morrer Ortega en 1955, os xornais reciben unha das moitas consignas emanadas do réxime. Nesta ocasión, para harmonizar o contido das informacións necrolóxicas. Nada escapa ao control de Madrid, se ben é certo que pouco a pouco cada cabeceira asume maiores riscos á hora de desobedecelas, xa que logo, segundo o talante do gobernador e de acordo coa importancia do incumprimento, o desacato non merece máis aló dunha advertencia verbal ou escrita. Case como nas aulas.

No que se refire a Ortega, as instruccións son ben precisas: 1.- A nova da morte non pode ser publicada a máis de dúas columnas. 2.- So pode levar de apoio un artigo de opinión encomiástico, sempre e cando se recoñezan nel os erros políticos e relixiosos do falecido, e 3.- Nunca poderá dicir o xornal que don José era un “mestre” de nada.

A perversidade da orde é moito maior se temos en conta que foi emitida días antes

do óbito, en previsión de que este ocorra. Como dicindo, non vaia a ser que nos colla nas patacas. Antes do pasamento, a Dirección General de Prensa engade dúas modificacións. Unha de apertura, pois se poden publicar dous artigos e unha biografía, e outra de maior control, pois non se poderá poñer en primeira páxina unha fotografía de Ortega y Gasset con vida. Só do túmulo funerario.

_Se me preguntan por que _ comenta Castro a xeito de chiste _, só me vén aos miolos pensar que foi por medo a que a xente dubidase se realmente estaba morto.

Que fixo El Progreso en 1955? O que todos. Apurar ata o máximo a permisividade no máis evidente: presentación e número de artigos, e contravir a orde polo burato que a propia orde deixaba: non o chamou mestre, senón “excepcional e ilustre pensador, e insigne filósofo”.

A ver, señor Aparicio; onde se di “mestre”?

Comenta