Cazarolas con peche

A memoria de Armiñanciño

Castro mantén a teima de Ortega e imaxina que a viaxe na que chega a Lugo co neno Armiñanciño foi aproveitada polo filósofo e a súa dona para achegarse á Torre de Xunqueiras, na Pobra do Caramiñal, onde tiña ido tantas veces, pois a histórica construción pertence aos Gasset Artime e Chinchilla desde o século XIX.

_Xunqueiras está vencellada tamén a don Ramón María. Sábeo ben Xerardo Pardo de Vera, que alí foi un dos lugares onde deu porte señorial á figura valleinclanesca _ apunta Castro, antes de permitir que avance a historia dos Armiñán.

Armiñanciño anda frouxo de saúde. Non lle deixan tomar tortilla de patacas, pero no Goberno Civil de Lugo vai experimentar unha gran melloría.

Nese capítulo culinario de desmedrado, lembra as tarteiras con peche incorporado nas que lles levan á familia as comidas e as ceas e o bo que está todo. Serán de casa Marbán? Serán menús do Fornos? Ao neno non se lle despistan esas cazarolas cuns ferros cruzados que facilitan o transporte e a conservación dos platos, porque seguramente aínda non as vira en Madrid.

Nesa época, e ata moitos anos despois, as familias lucenses con posibles, cando non preparaban comida na casa, preferían levala feita dos restaurantes, antes que ir a eles en procesión, se cadra porque na casa, como en ningún sitio, ou porque a eses lugares non se vai cos pícaros nos días de diario… por non amolar.

Ademais de non tomar ovos, a Armañanciño tíñanlle prohibido bañar e tomar o sol, tres circunstancias que explican á perfección por que estaba tan desmellorado o pobre rapaz. Se seguisen a tradicional recomendación galega a prol da fecundidade e a saúde, xa se tería dado un bo baño nas frías augas da Lanzada, ou en Riazor, que é onde o neno coñece o mar. As cousas comezan a cambiar, pois iníciase a galeguización dos Armiñán.

Comenta