Ciges non foi fusilado (VIII)


Manuel Ciges Aparicio, na páxina do seu biógrafo, Jesús Arribas

O xeito que tiña Luis Ciges para vivir facéndose pasar por espía alemán en Lugo ¡sorpresa!, é descoñecido para Castro.

_Se alguén tivese información diso, ou de se chegou a vivir no Goberno Civil de Lugo, agradeceríalle que a compartise.

Falando do seu colega Andicoberry xa vimos a seu pai, Manuel Ciges Aparicio, vencellado a El Imparcial. Nun momento da súa vida cae enfermo e recoméndanlle o clima de Quesada, o pobo xienense onde nace Josefina Manresa, a muller de Miguel Hernández.

Alí atopa unha sociedade fortemente clasista e caciquil, dúas circunstancias que lle inspiran a redacción doutras tantas novelas, La romería e Villavieja. Como é de imaxinar, os de Quesada adiviñan sen lugar a dúbidas que Ciges está a falar deles e que eles son eses personaxes embrutecidos e oscurantistas.

Hoxe Ciges ten unha rúa en Quesada, pero no seu momento foi pedra de escándalo, ata tal punto que no ano 1953, o cronista oficial da provincia, Luis González López, anima á poboación e ás autoridades para facer un auto de fe “cos poucos exemplares que queden” das novelas e prenderlles lume nunha pira purificadora. Ao autor non lle solicita castigo algún porque leva morto dezasete anos.

Precisamente da súa morte quere falar o Dr. Castro para que se rectifiquen moitas das biografías de Ciges Aparicio. Conta o titular do bufete que ao pouco tempo de ocupar o Goberno Civil de Lugo, recibe o nomeamento para o mesmo cargo en Ávila, onde está o 18 de xullo. É comunmente aceptado que foi fusilado polas tropas rebeldes, pero a realidade é outra, como conta seu fillo Luis: “El 3 de agosto del 36, con el equipaje hecho para irse a Cuba de embajador, lo detuvo la Guardia Civil. Al día siguiente lo mataron los nacionales de un tiro en la cabeza, en el cementerio. Le robaron todo, el hombre no dejó ni una perra.”

2 Comentarios a “Ciges non foi fusilado (VIII)”

  1. rogelio quiroga

    “Tropas rebeldes” y “Nacionales” son la misma e idéntica cosa.
    ¿O he entendido mal?

  2. admin

    Si, son sinónimos. Os que se suman ao Alzamento Nacional, se teñen de nacionais por iso mesmo, e ao tempo son rebeldes á República, sempre e cando non se lle dea creto aos que sosteñen que a propia República é rebelde, porque tivo unha instauración ilegal e polo seu comportamento. De todos os xeitos é unha maneira de falar como dicimos Roxos aos republicanos, moitos dos cales non eran propiamente comunistas, nin socialistas.

Comenta