A Volta a Galicia: 60/ Os retratos de Betanzos
Unha feira de Betanzos nos anos 20 fotografada por Ruth Matilda Anderson
Hai feira en Betanzos. As prazas, rúas e xardíns do centro están ateigadas de postos e compradores. Os de roupa e zapatos son dez veces máis abondosos cos de froitas, queixos ou verduras.
_Nos meus tempos pasaba o contrario. De roupa feita non había nin un. Alí, ou vendían pitos, ou vendían polos. E zocas, e ferramentas…
Daquela achégome a unha muller que ten de diante catro queixos, varias mandas de perexil e un cesto mediado de boas cereixas.
_¿Onde pacen as vacas deses queixos?
_En Paderne, xusto onde medra a cerdeira.
_Seguro que vostede coñece ben aos animais.
_Déao por certo. Tanto coma que elas non coñecen o pienso. ¿Quere a proba?
_Non, moitas grazas. Vou levar un sen necesidade dela, porque vostede mesma é a proba vivente.
Secundino e os outros tamén mercaron queixos e nuns minutos a muller queda sen mercadoría que vender.
_¡Pois aínda son as dez da mañá e o coche de Paderne sae á unha!
Segundo o historiador, no salón capitular do concello de Betanzos hai dous retratos colgados fronte por fronte. O do rei Fernando VII, por quen queiman o primeiro globo da cidade, e o do coronel betanceiro Antonio Quiroga y Hermida, personaxe principal no pronunciamento de Rafael del Riego, e polo tanto, inimigo declarado do monarca absolutista.
Os dous retratos e o sabre que Quiroga utiliza durante o pronunciamento foron incompatibles no salón de Betanzos. Ou había un, ou había o outro.
_No ano 1823, botan o sabre ao Mandeo, pero os dous retratos están hoxe xuntos na Sala Capitular, coa mirada posta un noutro e sen dar guerra.
_¡Miña madriña querida! _ pensei en alto _ ¡Abofé que estes van querer atopar o sabre!