A Volta a Galicia: 53/ Con Aller en Lalín
Ramón Aller
No Museo de Lalín, onde renden permanente homenaxe ao astrónomo Ramón Aller, ao piloto Loriga e ao pintor Laxeiro, inaugurábase esa tarde unha exposición de Edmundo Paz Dacruz, nado en Brasilia e veciño de Arcade.
Por alí estaban a concelleira Nuria Rodríguez e o técnico Damián Paio, que son os que levan adiante a actividade cultural do Concello de Lalín.
Nada máis entrar no museo, o Miguel quédase mirando pró Paio e logo duns intres de silenzo, vai e dille:
_Oes, ¿ti non estabas hai quince anos nun campamento de verán prós rapaces?
_Si, aínda que en realidade non era eu, senón un tipo moi semellante, quince anos máis novo ca min.
_Eu era un dos rapaces.
Os dous saúdanse como fan os compañeiros da mili nos seus reencontros e logo, xa na confianza, os científicos explícanlle a Paio que queren atopar os orixinais de Ramón Aller onde expón os primeiros cálculos que se fan sobre as estrelas dobres e todo iso que hoxe investiga outro astrónomo galego, José Ángel Docobo.
_Os manuscritos de Aller están nos arquivos _ dixo Paio.
_Pois non se fale máis, aproveita o físico. Canto antes principiemos, antes rematamos.
O 14 de febreiro de 1930 Ramón Aller comeza a colaborar na revista alemá Astronomische Nachrichten, que daquela é a principal publicación na materia. Nas súas páxinas dá a coñecer a órbita da estrela dobre, OE77, á que seguen outras máis. Todo isto confírelle o título de introductor do estudo das estrelas dobres. Ata 1939 Aller publica 43 traballos nas máis prestixiosas cabeceiras internacionais, así como varios libros. Tamén deseña aparatos científicos que chegan a interesar aos construtores alemáns. Todo iso tiñámolo de diante nos seus soportes orixinais. Poco faltou para que o físico se botase a chorar.
Manuscrito das estrelas dobres