A volta a Galicia: 31/ En Nostramo Lourido 0
A praza, nunha fermosa fotografía de Benito Juncal
Nalgúns lugares o enderezo da praza de touros de Pontevedra aparece como que é na rúa Nostramo Lourido número 0, que digo eu que será porque é redonda, pois non coñezo ningunha outra cousa que estea no número cero de ningunha rúa. Claro que eu tampouco son tan viaxado como foi o propio Nostramo Lourido, un personaxe dos mares creado polo escritor, mariño e navegador de globos aerostáticos Julio Guillén Tato, de quen escribe bastante Amancio Landín Carrasco, por coincidir ambos no Museo Naval de Madrid, cando o Julio era o seu director e Landín andaba detrás de documentación pontevedresa.
Eu, modestia aparte, non coñecín nin a Guillén, nin moito menos a Nostramo Lourido, quen por certo ten unhas aventuras macanudas. Pero si viaxei cos Landín a América e por alí fixemos algunha que outra falcatruada, anos antes de que chegara Chávez e puxera todo perdido. Bo, en realidade, perdido xa o estaba dabondo.
Vén todo isto a conto de dicir que chegamos a Nostramo Lourido cando xa pisaba o albeiro o xerente da praza, Pedro Antonio Rivas, co que nos fundimos nunha aperta desas que se dan os toureiros nas alternativas.
_¡Canto tempo, maestro!
_Si, é certo. Aínda gobernaba Pujol na Generalitat.
A praza de Pontevedra é coma un viñedo de Albariño á redonda. Sabe a Galicia, a viño e a touros por partes iguais. Di Pedro Rivas que desde que a cubriron con ese peche estratosférico que semella o Panteón de Agripa en Roma, non choveu nin unha tarde de corrida. Razón de máis pra xustificar a obra.
_José Tomás, Julio Aparicio… este ano vas ter problemas para facer os carteis.
_En Pontevedra estarán os mellores en activo. Os mediáticos e os académicos. Non o dubides.
_¡Mentres non me chames a min…!