A Volta a Galicia: 29/ Perda en Láncara

Alfonso Cela Vieito, Celita

Nun xardín de Láncara achantaron dous bustos do toureiro Celita e máis de Ramón Piñeiro. Supoño que haberá algunha mensaxe agochada nesta estraña veciñanza. Se cadra foi porque Celita soubo termar dos bichos sen saír en padiola, e o Piñeiro daba pases de peito na mesa camilla; ou sexa, na mesa padiola.

_¿Sabedes cal foi o brinde de Celita na súa alternativa? _ dixo o historiador, créndose moi listo.

_Pois sí _ falo eu _. Dixo: “¡Polo público garimoso que me fai matador de touros, por Sarria e por Galicia!”

_¡Sorpréndeme, Pelúdez!

_Non ten por que. Teña en conta que eu pasei media vida coas vacas, e de cornos entendo o que non está nos escritos.

En vinganza por chafarlle o conto, o historiador pasa lista a todos os que asistiron á corrida: “Alí estaban Zutano e Fulano… alí estaba o escritor Prosper-Henri Devos, o das Cartas; alí estaba…

_¡Pare o carro! Que pra cando chegue aos tendidos do 5 xa nos ten durmidos a todos.

Deixamos as terras de Láncara cun sol que coce as patacas. Eu quitárame o casaco de pana que levo normalmente e deixárana pendurada do valado de madeira que pecha as esculturas. Coa calor que viña non a botei en falta, pero logo de catro horas de camiñar por Castroverde; de Monte a Bolaño; de Pena a Recesende; de Pereiramá a Miranda… ¡decateime da perda do saco!

_¡Pola Virxe de Cellán de Calvos, que goberna nos partos! ¿E non deixei a chaqueta en Láncara, con todos os carnés, o diñeiro, as chaves…? ¡Todo! Agás a dentadura postiza que a levo pegada.

Miguel colle o coche e nuns minutos aparece coa chaqueta na man e un sorriso nos beizos.

_Aquí ten. Comprobe se lle falta algo.

_Non é necesario. Eu sempre levo os cartos no pantalón. Pero se o digo… ¡ao mellor non a vas buscar, lampantín!

_¡Pelúdez…!

Comenta